Medra a tensión en Ucraína: Donetsk e Lugansk mobilizan a poboación

As  autoproclamadas repúblicas pro rusas de Donetsk e Lugansk, ao leste de Ucraína, veñen de anunciar o estado de mobilización xeral, que impón a activación de todos os reservistas e a transformación da economía con vistas a un conflito armado.
 
Exercicios militares conxuntos das forzas armadas de Rusia e Belarús, o pasado 10 de febreiro (Foto: Alexey Kudenko / Sputnik).
photo_camera Exercicios militares conxuntos das forzas armadas de Rusia e Belarús, o pasado 10 de febreiro (Foto: Alexey Kudenko / Sputnik).

As autoridades das  autoproclamadas repúblicas de Donetsk e Lugansk, no leste de Ucraína, anunciaron á primeira hora deste sábado o estado de mobilización xeral, que impón a activación de todos os reservistas e a transformación da economía con vistas a un conflito armado. "Insto os meus compatriotas que están na reserva a que acudan ás oficinas de rexistro e alistamiento militar", declarou o líder da República Popular de Donetsk, Denis Pushilin, nunha declaración gravada. 

"Fago un chamamento", engadiu Pushilin a todos os homes da república que poidan portar armas para que defendan ás súas familias, aos seus fillos, ás súas esposas e ás súas nais. Xuntos lograremos a vitoria que todos queremos e necesitamos", segundo unha gravación recollida pola axencia oficial de noticias rusa Sputnik. Tamén asinou este decreto o líder da autoproclamada república popular de Lugansk, Leonid Pásechnik.

Estas declaracións teñen lugar despois de que ambos os territorios declarasen esta sexta feira a evacuación dos seus cidadáns á rexión rusa de Rostov. Uns 35.000 residentes de Lugansk xa comezaron o desprazamento alí, segundo o xefe do Ministerio de Situacións de Emerxencia, Evgueni Katzavalov, mentres que o seu homólogo de Donetsk, Alexei Kostrubizki, estima que as autoridades da rexión xa evacuaron a Rusia a 6.603 persoas, incluídos 2.436 nenos.

Primeira vítima en Ucraína

Doutra banda, as Forzas Armadas de Ucraína informaron este sábado da morte dun dos seus efectivos durante unha nova serie de enfrontamentos na liña de contacto do leste do país contra efectivos das autoproclamadas repúblicas.

O Exército ucraíno denunciou que o militar faleceu como consecuencia dun bombardeo efectuado con artillería pesada ao redor das 9 horas da mañá, hora local.

O falecido, non identificado, sucumbiu a unha ferida de metralla, de acordo coa nota, publicada polo portal Ukrinform.

Comentarios