Unha multitude participa no inicio da cerimonia fúnebre de Raisi en Irán, que irá ás urnas o 28 de xuño

Rusia critica o "dano deliberado" das sancións á aviación iraniana.

Procesión funeraria do presidente Ebrahim Raisi en Qom, a terza feira. (Foto: Ahmad Zohrabi / DPA vía Europa Press)
photo_camera Procesión funeraria do presidente Ebrahim Raisi en Qom, a terza feira. (Foto: Ahmad Zohrabi / DPA vía Europa Press)

Milleiros de persoas congregáronse a terza feira en Tabriz, a capital da provincia iraniana de Acerbaixán Oriental, para participar na procesión de despedida do presidente Ebrahim Raisi, cuxa morte se confirmou a segunda feira após sufrir un accidente de helicóptero no que tamén perdeu a vida o ministro de Asuntos Exteriores, Hossein Amirabdollahian.

Con posterioridade, os corpos foron trasladados a Qom, no centro de Irán, para outra cerimonia, despois do que se prevía que foran levados á capital, Tehran, onde están programadas a cuarta feira as honras fúnebres principais, antes do desprazamento dos restos de Raisi a Mashhad, no nordés, onde naceu e será enterrado.

Eleccións en xuño

Amais, tras unha reunión na que participou o presidente provisorio, Mohammad Mokhber, foron convocadas eleccións presidenciais o 28 de xuño para escoller a persoa que substituirá Raisi de forma definitiva. A campaña electoral desenvolverase do 12 ao 27 de xuño.

No contexto da investigación do accidente, as autoridades non transmitiron que foran atopados indicios de sabotaxe, centrándose nas malas condicións climáticas e nos problemas técnicos do helicóptero, que estaría afectado polas sancións estadounidenses contra Irán, que vetan a compra de aparatos e recambios.

Danos das sancións

Ao respecto, Sergei Lavrov, titular de Exteriores ruso, cuestionou as sancións coercitivas contra o país persa, que causan “deliberadamente un dano a cidadáns de a pé que usan estes aparellos”.

En todo caso, Matthew Miller, voceiro de Exteriores de Washington, asegurou que o país “non vai desculparse” polas sancións que afectan á aviación iraniana.

Comentarios