El Mundo pide unha coligazón entre UPyD e Cidadáns

O rotativo conservador ve necesario o pacto entre as formacións de Rosa Díez e Albert Rivera para garantir a gobernabilidade no Estado e para facer fronte ao "desafío" do independentismo.

Rosa Díez
photo_camera Rosa Díez

El Mundo publica esta terza feira un editorial en que abertamente propón unha coligazón entre UPyD e Cidadáns, formacións políticas que, remarca, son entre as "constitucionalistas" as únicas que están a crecer nos inquéritos.

"A situación de España necesita unha alternativa como a que representan Díez e Rivera", afirma El , Mundo, diario que tamén publica un artigo do eurodeputado de UPyD Sosa Wagner en defensa da converxencia entre estas forzas políticas.

Malleira

Sosa Wagner argumenta no seu artigo que nas recentes eleccións europeas UPyD sofreu unha "malleira" ao ter sido incapaz de recoller votos "da masiva e un pouco humillante" perda que rexistraron o PP e o PSOE.

Quer no editorial de El Mundo quer no artigo de Sosa Wagner espéllase a preocupación que lles inspira a hipótese de ser Podemos a forza política que estea en disposición de capitalizar a deterioración do réxime bipartidista.

El Mundo editorializa que "a alianza de UPyD con Cidadáns podería situar a coligazón resultante como a terceira forza política no Estado español, convertela en seria alternativa ao bipartidismo e, en calquer caso, obtería a suficiente representación como para axudar a gobernabilidade desde a moderación, tornando prescindíbeis aos partidos nacionalistas".

"Na encrucillada actual, cun desafío como o que representa o independentismo, nen UPyD nen Cidadáns poden permitirse o luxo de continuar a seren irrelevantes", conclúe o rotativo conservador.

Comentarios