Novos territorios en Ucraína piden un referendo de autodeterminación

En Donetsk, Jarkov e Lugansk manifestantes pro-rus@s ocuparon edificios gobernamentais. Kiev fala de 'complot' tecido desde Moscú.

Donetsk ucraina

''Queremos que se pregunte á xente que é o que quere: se seguir en Ucraína ou unirse a Rusia”. A frase de Andrei Purgin, da República de Donetsk, pode resumir o sentido dos protestos e mobilizacións que nas últimas semanas están a se producir en Donetsk, territorio do leste ucraíno de maioría pro-rusa. Manifestacións, ocupacións de edificios gobernamentais... Donetsk é a terra natal do deposto presidente Ianukovich e durante décadas foi pulmón industrial de Ucraína.

Diferentes colectivos e partidos están a participar no movemento que demanda que Donetsk (con 4,5 millóns de habitantes) siga o camiño feito por Crimea. Mais o descontento con Kiev e o novo executivo non se limita a un sentir independentista. Así, o feito de que os novos gobernantes en Ucraína designasen como gobernador en Dontesk a un coñecido (e odiado) oligarca, Serguei Tanuta, non axuda a calmar os ánimos. De feito, locais dos negocios deste oligarca foron albo de ataques nestas semanas.

Non só en Donetsk está a haber revoltas. Tamén se produciron nestes días en Jarkov e Lugansk. E non foi a primeira vez. Desde Kiev acusan a Moscú de estar tras todos ests movementos, procurando rachar Ucraína. Desde Rusia, afirman optar por non avivar as faíscas do enfrontamento con Kiev.

Comentarios