Ortuzar valora o pacto estatutario en Euskadi e afirma sobre as transferencias: "Hai que ir a fume de carozo co proceso de negociación"

O presidente do PNV, Andoni Ortuzar, avanzou esta terza feira que, se hai vontade política, o pacto estatutario comprometido entre PNV e PSE-EE podería aprobarse "bastante antes" de finais de 2025.
O presidente do PNV, Andoni Ortuzar (Foto: Unanue / Europa Press).
photo_camera O presidente do PNV, Andoni Ortuzar (Foto: Unanue / Europa Press).

O presidente do PNV, Andoni Ortuzar, avanzou esta terza feira que, se hai vontade política, o pacto estatutario comprometido entre PNV e PSE-EE podería aprobarse "bastante antes" de finais de 2025. De momento, o futuro pacto entre ambas as formacións deu un paso máis ao quedar recollido no preacordo programático para reeditar o novo Goberno vasco de coalición.

O líder jeltzale destacou, ademais, que para chegar a un compromiso nesta materia "axudou moito" a sinatura do acordo de investidura que el mesmo subscribiu co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, o pasado 10 de novembro de 2023. "Agora o que facemos é un pouco fechar o círculo e traer a Euskadi un compromiso que que xa estaba articulado no pacto de investidura", profundou.

No acordo bilateral entre PNV e PSOE para a investidura de Sánchez, a forza estatal comprometeuse a “negociar e aprobar” un acordo de autogoberno en base ao diálogo arredor do “recoñecemento nacional de Euskadi, a salvagarda das competencias vascas e un sistema de garantías baseado na bilateralidade e a foralidade”, nun proceso que debería culminar como máximo nun ano e medio desde o comezo da lexislatura en 2023.

Pacto estatutario

Ortuzar detallou que no preacordo entre o seu partido e o PSE- EE, feito público esta segunda feira pola noite, ambos se comprometen a dar luz verde a un novo pacto estatutario, aínda que aclarou que cada formación presentará primeiro a súa propia proposta: "Creo que é xusto tamén que cada partido poida manter libre o seu espírito de como ve a Euskadi do futuro", valorou.

Para o líder jeltzale, o documento subscrito fixa unha folla de ruta no camiño cara á consecución dun pacto estatutario. "É fixar un pouco o marco, o contexto no que ese novo status, ese novo pacto estatutario de reforma do actual autogoberno se poida levar a cabo, sen descoidar que hai que terminar co proceso de transferencias e os traspasos nas competencias que aínda non se fixeron". Aínda que lembrou os compromisos pendentes en Madrid, Ortuzar destacou a boa marcha das últimas negociacións e conversacións para a conformación do Executivo vasco.

Segundo destacou, á hora de confrontar os programas para reeditar un acordo de Goberno, jeltzales e socialistas constataron que compartían 70% dos compromisos. Os temas que "teñen máis arestas", recoñeceu, son as cuestións relacionadas co autogoberno, a vivenda ou a sanidade. Ortuzar insistiu, con todo, en que estas diferenzas débense a que cada un "quere afinar máis e ser máis perfeccionista". "Estamos moi contentos. Empezamos con moita ambición e creo que vai ser un programa que vai chamar a atención", terminou resumindo.

O secretario xeral do PSE, Eneko Andueza, subliñou que se trata dunha “moi boa oportunidade” para un “gran pacto estatutario” que garanta dereitos que poderían “estar en risco se a extrema dereita e a dereita gobernan”. Con todo, matizou que este estatuto estará “dentro do marco legal vixente”.

"A fume de carozo"

Preguntado polas transferencias pendentes, o líder do PNV resaltou que "hai que ir a fume de carozo co proceso de negociación" para que estas cheguen a Euskadi antes de que se empece a falar do novo pacto estatutario.

"Non tería sentido falar dun novo pacto sen cumprir o primeiro", insistiu. Será ao Goberno vasco ao que corresponda tecnicamente o tema do traspaso de transferencias, salientou Ortuzar, e agora "hai que acelerar". O presidente do PNV terminou remarcando que o seu desexo é que o marco estatutario conte co máximo consenso.

"Os dous partidos, o PSOE, na súa dobre vertente, de Madrid e de Euskadi, e o PNV, teremos que abrir tamén un diálogo sobre o marco estatutario, aberto tamén ao resto de forzas políticas do país, porque a nosa idea e a de ambos, é que o novo pacto estatutario teña o máximo consenso e a máxima apertura posíbel", indicou.

A pretensión, tal e como afirmou Ortuzar, é que neste pacto estatutario entren formacións como EH Bildu e Sumar, xa que ve difícil que o consenso poida ampliarse ao PP dada o seu actual "deriva".

Comentarios