Demite Santi Vila, partidario das eleccións anticipadas

O Parlament decidirá esta sexta feira se finalmente vota a DUI

O pleno do Parlament dará comezo por volta das 12 horas, 90 minutos após concluír o prazo para rexistar as propostas de resolución. Todas as hipóteses están sobre a mesa. Ningún cenario é desbotábel. Mais a opción máis probábel é a de que o soberanismo dea finalmente luz verde á DUI. A iso aponta a demisión a última hora do conseller Santi Vila, partidario das eleccións anticipadas.

 

Junqueras, Puigdemont, Corominas, no Pleno do Parlament 26 de outubro de 2017
photo_camera Junqueras, Puigdemont e, detrás do president, Luís Corominas, portavoz de JxSí.

Basicamente hai dúas opcións. A primeira, a de que PP e PSOE pacten non aplicar o 155 se Puigdemont anticipa as eleccións. Aí o president podería voltar a mover a súa posición e chamar ás urnas. A segunda, a de que o soberanismo poña a directa e dea luz verde á DUI. Para iso tería de rexistar unha proposta de resolución en que se declarase a independencia ou se levantase a suspensión decretada sobre ela por Puigdemont no pleno do 10-O. 

Calquera especulación está condenada a ser refutada pola realidade. Todo pode pasar. Puigdemont pode voltar ao plano A ou pode manterse no plano B, ou pode acabar habendo un plano C.


Esta quinta feira, Puigdemont pasou da póla das eleccións anticipadas á da comparecencia no Palau nun pinchacarneiro que tampouco se pode desbotar que tiña camiño de retorno. Mais en absoluto é descartábel que o soberanismo, moralmente rearmado após a marcha atrás do president, consiga desta volta vencer todas as presións e converter esta sexta feira 27 de outubro nun día para a historia, no día en que Catalunya proclama formalmente a súa independencia.

Nese sentido, podería ser moi revelador o indicio da demisión de Santi Vila, conseller de Empresa e claro partidario de esquecer a DUI. A súa marcha -que se coñeceu a última hora, após a conclusión do debate no Parlament- mostraría que neste momento a opción pola independencia se abre paso de forma clara no núcleo de dirixentes que acompañan Puidgemont.

En todo caso, nada debe ser dado por feito. O soberanismo emitiu dous tipos de sinais esta quinta feira: a ambigüidade calculada de Puigdemont e os apelos á República dos portavoces soberanistas no pleno do Parlament, posterior na súa realización ao discurso do chefe do executivo catalán. En todo momento deu a impresión de que o president non se quer fechar a porta a ningunha saída, como proba o facto de no seu discurso non ter mencionado a hipótese da independencia. Remitiuse exclusivamente á resposta que desde o Parlament se daría á activación do artigo da Constitución que liquidaría o autogoberno.

Na cámara o unionismo (PP, PSC, Cs) actuou como un partido único, a demandar a rendición de Puigdemont, a súa comparecencia no Senado esta sexta feira e a convocatoria de eleccións no marco estatutario e constitucional. Catalunya sí que es Pot abalou entre o discurso de Lluís Rabell -moi crítico co bloco soberanista, aínda que desde a oposición ao 155- e a voz de Dante Fachín, que foi máis celebrada nas bancadas independentistas do que nas súas propias. O secretario xeral de Podem dixo que coa aplicación do 155 non desaparecerían de Catalunya 2 millóns de persoas, as que votaron no referendo do 1-O.

Por súa parte, o bloco soberanista mostrou a súa determinación por alterar o statu quo e dar pé ao nacimento do Estado catalán: "Estamos dispostos a defender até as últimas consecuencias a República" (Benet Salellas, CUP) e "a unidade de España non pode estar nunca sobre a democracia e os direitos das persoas" (Lluís Corominas, JxSí).

Comentarios