Eleccións Europeas 9-X

O Partido Socialista foi a forza máis votada en Portugal nas eleccións ao Parlamento Europeo

Un punto por debaixo, con algo máis de 31% dos votos, situouse a Alianza Democrática (integrada no Partido Popular Europeo) do primeiro ministro Luís Montenegro.
O secretario xeral do Partido Socialista de Portugal, Pedro Nuno Santos (Foto: Europa Press / Contacto / Rita Franca).
photo_camera O secretario xeral do Partido Socialista de Portugal, Pedro Nuno Santos (Foto: Europa Press / Contacto / Rita Franca).

O Partido Socialista foi a forza máis votada en Portugal nas eleccións ao Parlamento Europeo deste domingo. Desta maneira, con máis de 32% dos sufraxios, a formación obtivo un total de oito asentos na Eurocámara.

Un punto por debaixo, con algo máis de 31% dos votos, situouse a Alianza Democrática (integrada no Partido Popular Europeo) do primeiro ministro Luís Montenegro, que terá unha representación de sete escanos en Bruxelas.

A ultradereita logrou ascender no Estado luso. Porén, o Chega ficou por baixo do 10% dos apoios, que se traducirán en dous representantes no Parlamento Europeo. Pola súa parte, Iniciativa Liberal, con algo máis de 9% dos apoios, tamén terá dous asentos. Trátase da primeira vez que estas dúas forzas entran na Eurocámara.

Ademais, o Bloco de Esquerdas (con 4,25% dos votos) e o Partido Comunista de Portugal (con 4,12% dos sufraxios) conseguiron a entrada no Parlamento Europeo, ambas as formacións con cadanseu escano na Eurocámara.

Bloques

Estes resultados reproducen o empate técnico que se deu nas pasadas lexislativas do 10 de marzo entre socialistas e conservadores, aínda que nesta ocasión é o Partido Socialista o que consegue unha maior representación entre as formacións de Portugal.

As cousas tamén están moi igualadas entre bloques, os partidos máis á esquerda obteñen un total de dez escanos, polos nove da dereita e a extrema dereita. Porén, os dous asentos liberais poden decantar unha maioría entre estes dous bloques.

Comentarios