Eleccións Europeas 9-X

Nicolás González Casares aposta en Lobios polas relacións transfronteirizas con Portugal

Socialistas da Galiza e do norte de Portugal reivindicaron que a AG-31 teña continuidade até a fronteira lusa.
Nicolás González Casares, no centro, en Lobios no encontro entre socialistas da Galiza e de Portugal (Foto: Nós Diario).
photo_camera Nicolás González Casares, no centro, en Lobios no encontro entre socialistas da Galiza e de Portugal (Foto: Nós Diario).

O candidato do PSdeG nas eleccións europeas, Nicolás González Casares, reivindicou esta quinta feira en Lobios (Baixa Limia) a colaboración transfronteiriza como un valor da Europa “do avance e do futuro”. O eurodeputado participou nun mitin no co que socialistas da Galiza e do norte de Portugal fecharon un acto para reivindicar que a AG-31 teña continuidade até a fronteira lusa, e no que defendeu que o proxecto da súa formación é o único con capacidade “para que a Galiza teña voz e capacidade de influír en Europa”.

González Casares lembrou que nesta lexislatura a Galiza obtivo a súa inclusión no corredor atlántico da rede transeuropea de transporte e que xa dispón dunha conexión de alta velocidade co resto do Estado español. Mais sinalou a importancia da unión co norte luso a través de infraestruturas como as vías de alta capacidade, co fin de facilitar as relacións entre a poboación de ambos lados da raia.

“O Parlamento Europeo está no corazón de moitas decisións”, dixo respecto ás comunicacións, mais tamén a outros asuntos, como a posibilidade de que os pesqueiros galegos poidan faenar noutros Estados, a concesión de axudas á agricultura e á gandaría, a campaña de vacinación contra a Covid ou a chegada dos fondos de recuperación.

O candidato asegurou que Europa “necesita máis ca nunca” un voto en defensa da democracia, dos valores da paz, a igualdade, a liberdade e a solidariedade, fronte a desafíos coma o ascenso da ultradereita “e os seus ataques ao noso modelo social e democrático”.

Ademais, o socialista defendeu unha Europa “xusta e social”, con “plena igualdade” entre mulleres e homes, na que as grandes corporacións “paguen o que lles corresponde”, na que se combata o cambio climático “sen deixar a ninguén atrás” e “unha Europa que enfronte o desafío demográfico e na que a Galiza prospere”. “Esa Europa só será posíbel da man dunha maioría socialista”, afirmou.

Xunto ao candidato socialista, participaron no mitin a súa compañeira de lista Lorena Guerra, o secretario do PSdeG de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; o presidente da Cámara de Melgaço, Manoel Batista; o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, e o concelleiro socialista de Lobios, Patrick Rodríguez.

Previamente, o PSdeG e o Partido Socialista portugués fixeron un acto para reivindicar unha vía de alta capacidade a través da fronteira da Madalena. Ambas representacións subliñaron a importancia dos fondos europeos para impulsar que a AG-31 continúe desde Celanova, onde remata agora, até a fronteira, co fin de unirse a outra autovía na parte lusa.

Comentarios