Eleccións europeas 2024

Nicolás González Casares ocupará o número 11 na lista do PSOE para as eleccións europeas

A lista estará encabezada pola ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.
Nicolás González Casares (Foto: Nós Diario).
photo_camera Nicolás González Casares (Foto: Nós Diario).

O político lalinense do PSdeG Nicolás González Casares ocupará o número 11 na lista que o Partido Socialista presentará ás eleccións ao Parlamento Europeo do próximo 9 de xuño.

Segundo confirmaron fontes socialistas, González Casares, que foi eurodeputado neste mandato, volverá concorrer en postos de saída na candidatura coa que os socialistas concorrerán á cita electoral.

A lista estará encabezada pola ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e ten como número dous a Iratxe García Pérez, quen é presidenta do actual grupo parlamentario dos socialistas na Unión Europea (UE). Ademais, no número tres figura Javi López, candidato proposto polo PSC que xa concorreu nas listas de 2019.

Volta de Leire Pajín

O PSOE recuperou á ex ministra socialista Leire Pajín para concorrer nas listas ás eleccións europeas do 9 de xuño. A Comisión Federal de Listas ratificou esta terza feira a lista definitiva coa que concorrerán os socialistas na que Pajín, que vai de número oito, é a principal sorpresa.

O número catro será para a deputada e membro da Executiva Federal, Hana Jalloul. O número cinco é para Javier Moreno e o seis para Lina Gálvez, que repiten na lista, do mesmo modo que o número sete, Jonás Fernández.

A número oito é Pajín, que foi ministra de Sanidade, Política Social e Igualdade entre 2010 e 2011 na etapa final do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e secretaria de Organización do PSOE entre 2008 e 2010.

En 2012 abandonou a política para traballar na Organización Panamericana de Saúde (OPS) e desde 2019 é presidenta da Rede Española de Desenvolvemento Sostíbel (REDS).

Como número nove repite César Luena e como dez entra a vicelehendakari en funcións, Idoia Mendía, que dá o salto á política da UE, despois de pasar a testemuña do liderado dos socialistas vascos a Eneko Andueza.

Nos postos 11, 12 e 13 optan a revalidar o escano Nicolás González Casares, Cristina Maestre e Juan Fernando López Aguilar, mentres que de 14 vai a ex vicealcaldesa de Valencia e candidata nas últimas eleccións municipais Sandra Gómez.

A continuación, na lista aparecen Ignacio Sánchez Amor (15), Laura Ballarín (16), Marcos Ros (17), con escano actualmente. Despois, a senadora por Aragón Rosa María Serrano (18), a edil no Concello de Ribaforada (Nafarroa) Elena Sancho (19) e o deputado da Asemblea de Madrid, José Cepeda (20).

Comentarios