Pedro Sánchez aposta por unha Palestina que conecte Cisxordania e Gaza por un corredor e que teña a súa capital en Xerusalén Leste

Nunha declaración institucional en castelán e inglés desde a Moncloa, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, cualificou de “decisión histórica” o recoñecemento do Consello de Ministros e Ministras fará esta terza feira do Estado de Palestina.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, compareceu na Moncloa (Foto: Moncloa).
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, compareceu na Moncloa (Foto: Moncloa).

Nunha declaración institucional en castelán e inglés desde a Moncloa, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, cualificou de "decisión histórica" o recoñecemento do Consello de Ministros e Ministras fará esta terza feira do Estado de Palestina. O Estado español, que dá o paso xunto con Irlanda e Noruega, convértese así nun dos 146 de todo o mundo que recoñeceron a Palestina, entre eles 11 membros da Unión Europea (UE).

Sánchez apostou por un Estado unificado entre os territorios de Cisxordania e Gaza, conectados a través dun corredor, e con capital en Xerusalén Leste. "Non é a potestade do Estado español definir as fronteiras, mais facemos esta aposta en consonancia coas resolucións de Nacións Unidas", afirmou.

"Non tomamos esta decisión contra ninguén, e menos contra Israel, que é un pobo amigo", sinalou o presidente do Goberno español, que ademais amosou o seu apoio cara a un proceso de acordo entre as partes, así como á Autoridade Palestina "no seu proceso de reforma que está levando a cabo".

Por contra, afirmou o líder do Executivo do Estado español, o recoñecemento do Estado de Palestina "reflicte o noso rexeitamento total a Hamás, unha organización terrorista que está en contra da solución de dous Estados".

Sánchez esgrimiu que "se trata dunha decisión histórica que ten un único obxectivo, e é o de contribuír a que israelís e palestinos alcancen a paz". Recoñecer a Palestina "non só é unha cuestión de xustiza histórica coas aspiracións lexítimas do pobo de Palestina" senón tamén "unha necesidade perentoria se queremos entre todos lograr a paz", afirmou o presidente español, para quen se trata "da única maneira de avanzar" cara á solución de dous Estados.

Un Estado viábel e nas fronteiras de 1967

Sánchez quixo deixar claro na súa intervención que é o que entende o Goberno por Estado palestino e cales son as súas fronteiras, ante o debate suscitado por esta cuestión, tendo en conta que Palestina está composta por Cisxordania e Gaza.

Respecto diso, sostivo que "o Estado de Palestina debe ser, en primeiro lugar, viábel, con Cisxordania e Gaza conectadas por un corredor, e con Xerusalén Leste como a súa capital, e unificadas baixo o Goberno lexítimo da Autoridade Nacional Palestina".

Por iso, puntualizou, "non recoñeceremos cambios nas liñas fronteirizas de 1967 que non sexan os acordados polas partes". O ministro de Asuntos Exteriores español, José Manuel Albares, xa sinalara que non é necesario recoñecer a un Estado cunhas fronteiras concretas e indicara que o Goberno estatal cre que esta cuestión é unha das que deberían dirimirse na conferencia de paz que siga ao conflito.

Prioridades a partir de agora

O presidente do Goberno español tamén se referiu na súa intervención ao día despois, agora que xa recoñeceu a Palestina como Estado. Así, dixo que "desde mañá mesmo" centraranse todos os esforzos en "facer realidade a solución dos dous Estados".

Para iso, a prioridade máis urxente, dixo, é "pór fin á crise sen precedentes na Faixa de Gaza" para o que fixo "un chamamento, unha vez máis, a un cesamento do fogo permanente, á entrada de axuda humanitaria e á liberación inmediata dos reféns israelís en mans de Hamás".

En segundo lugar, dixo, o Estado español vai apoiar á Autoridade Nacional Palestina, "o noso socio para a paz", no proceso de reformas iniciado polo seu novo Goberno. E por último, engadiu, "seguiremos impulsando a cooperación cos nosos socios árabes, que tamén traballan pola paz e a prosperidade na rexión" e con quen o Estado español seguirá axuntando esforzos para que decorra unha conferencia internacional de paz que "faga realidade dunha vez por todas a solución de dous Estados".

Comentarios