Análise

"Perdín o alento": violencia policial nas protestas universitarias nos EUA

Simon R. Doubleday é profesor na Universidade de Hofstra, en Nova York.
O profesor Alibhai ante a policía na Universidade de Texas, en Dallas, 1 de maio de 2024. (Foto: comunidade universitaria da UTD).
photo_camera O profesor Alibhai ante a policía na Universidade de Texas, en Dallas, 1 de maio de 2024. (Foto: comunidade universitaria da UTD).

A vaga de protestas nos campus universitarios nos Estados Unidos, dirixidas contra a invasión de Gaza por parte do goberno israelí e mais a complicidade do goberno estadounidense, atopáronse cunha intensa violencia policial.

Ali Asgar Hussamuddin Alibhai é profesor de Historia da Arte Medieval na Universidade de Texas en Dallas (UTD). Naceu en Queens, Nova York, un dos lugares máis diversos dos Estados Unidos, no seo dunha familia cuxas raíces radican na comunidade indio-musulmá que emigrara a África do leste a principios do século XX. A súa especialización académica baséase na interacción entre culturas en al-Andalus e imparte un seminario universitario sobre a convivencia na península Ibérica na idade media. 

Son estudantes

O mércores 1 de maio, o profesor Alibhai dirixiuse cara ao novo campamento que estableceran os estudantes, unha mostra de entre os centos de manifestacións pacíficas que xurdiron por todo o país nas últimas semanas. Ten unha estreita relación cos seus alumnos. Como moitos profesores estadounidenses, sinte por eles un instinto protector, case paterno. UTD, un campus "nerdy" con un alto perfil nos deportes electrónicos –explica– está situado no suburbio de Richardson, que agora ten unha importante poboación de fala árabe. Hai tamén no campus unha proporción significativa de estudantes musulmáns, así como estudantes de posgrao con orixe en Oriente Medio e no sur de Asia. Algúns destes estudantes, indignados polas políticas do goberno israelí e pola posición da administración Biden, encontrábanse entre os manifestantes. Pero mentres camiñaba cara ao campamento, o profesor Alibhai enfrontouse a unha escena aterradora: "Perdín o alento", relata. "Un ataque de soldados do estado de Texas, vestidos con equipamento militar, con porras metálicas, escudos faciais, máscaras, cascos e armaduras, marchaban como un exército cara a este campamento de estudantes. Outros policías con rifles e armas estaban por todas partes". Máis aló, había un vehículo blindado da policía que parecía un tanque.

"Axudou-me a recordar a realidade brutal da xente de Palestina", dixo Ali Asgar Hussamuddin Alibhai

Alibhai sempre se preguntou como respondería nunha crise: correría cara atrás ou entraría na loita? Sacou o móbil e comezou a gravar a fila dos antidisturbios que se achegaba: "Estes son estudantes, nada mais!" berrou. En segundos, a gravación de vídeo quedou fóra do seu control. Os efectivos policiais apoderáronse do profesor Alibhai –segundo as súas propias palabras "un home corpulento"– e tentaron, sen éxito, tiralo ao chan. Despois foi detido pola policía da Universidade de Texas acusado de "invasión criminal" [criminal trespass]. Parécelle que en total había continxentes de cinco departamentos policiais no lugar e que "traer tantos axentes xuntos ao campus tivo que ser un esforzo coordinado e previamente planificado". A súa experiencia é similar á de outros profesores que tamén foron obxecto de detencións violentas, algunhas delas capturadas en vídeo que se fixeron virais, como a da historiadora Annelise Orleck, de Dartmouth College (no estado de New Hampshire) ou a da profesora de economía Caroline Fohlin da Universidade de Emory (no estado de Georgia).

Ao profesor Alibhai esposárono e encadeárono diante dos seus estudantes. "Let’s go, bro [imos, irmán]", díxolle un oficial. "Eu non son o teu irmán", respondeu. A furgoneta policial dirixiuse cara ao norte, lonxe da cidade liberal de Dallas, cara ao conservador condado de Collin. Estivo detido durante a noite nunha cela tan ateigada de xente que era imposible deitarse. Entre os outros presos había unha ducia de estudantes, outros dous profesores, e outros membros da comunidade universitaria de UTD.

Unha honra

Foi posto en liberdade o día 2 e está á espera de novas sobre os cargos que lle imputan, que poden derivar nunha pena de seis meses de prisión. A súa resposta é xenerosa: "Estou agradecido pola experiencia", escribiu nas redes sociais ao día seguinte. "Axudoume a recordar que o que vivín durante moi pouco tempo foi a realidade brutal durante máis de setenta anos para a xente de Palestina".

Algúns comentaristas das protestas dos campus universitarios nos suxeriron que as manifestacións dos estudantes son máis performativas que prácticas. Pero en opinión do profesor Alibhai, as protestas son útiles. Non só dan visibilidade á causa palestina, explica: a protesta na UTD mobilizou a comunidade musulmá local e tivo ecos moito máis lonxe. Cando saíu do cárcere, 200 simpatizantes agardaban fóra. Aínda conmocionado polas súas experiencias, está abatido. "Pero é unha honra", engade, "ter estado en condicións de tomar posición". 

Comentarios