Portugal: Da absoluta do PS á suba de Rio

Os bloques da dereita e da esquerda chegan igualados á votación deste domingo.
psd_porto
photo_camera Fin de campaña do PSD no Porto, na quinta feira, ao carón dunha sede do PS (Foto: PSD / Instagram)

O líder do Partido Socialista (PS), António Costa, comezou a campaña para as eleccións que se desenvolven este domingo mostrando pouca inclinación para negociar. O seu obxectivo sempre foi atinxir unha maioría absoluta que lle permitise gobernar sen os condicionamentos dos seus antigos socios de geringonça, Bloco de Esquerda (BE) e Partido Comunista Portugês (PCP).

Porén, coas sondaxes cada vez máis desfavorábeis, o primeiro ministro en funcións, tras se presentar como o único capaz de garantir a estabilidade política en Portugal, tivo que admitir nos últimos días que tería que falar con "todos os partidos menos o Chega". O partido ultradereitista será posibelmente un dos vencedores, desbancando da terceira posición ao BE.

Os bloquistas e os comunistas finalmente poderían resultar castigados polo electorado, logo de rexeitar dar o seu apoio ao Orçamento do Estado 2022 presentado polo Goberno. Unha proposta que ambas as dúas formacións á esquerda do PS consideraban descafeinada. A negativa levou á convocatoria anticipada destas eleccións, con insinuacións máis ou menos directas de que foi un escenario buscado por Costa.

Agora, tras unha campaña por parte do Partido Social Demócrata (PSD, dereita liberal) de Rui Rio en que logrou vender a imaxe centrada fronte a "radicalidade" dunha geringonça reeditada, o conservador podería culminar o remonte e superar a Costa o domingo.

Pactos á esquerda e á dereita

A gobernabilidade preséntase complicada a partir da segunda feira. Na clausura de campaña desta sexta feira en Lisboa, coa tradicional "arruada" que tanto PS como o PSD fan polo histórico barrio de Chiado, Rio quixo garantir que "Chega está fora da equação". É dicir, que non negociará coa extrema dereita unha coalición de Goberno. Mais engadiu: "não está fora do Parlamento". É dicir, nas súas propias palabras: "o Chega vai eleger deputados ─não sei quantos─ e eles, perante cada circunstância, terão de votar".  

Desta maneira, poderíase presentar un panorama en que o partido ultradereitista facilitase un Goberno do PSD, con apoios puntuais na Assembleia. Outra opción sería a da gran coalición, PS-PSD. Tamén, de dar a suma, con apoios de partidos minoritarios: o PS co animalista PAN; o PSD co Iniciativa Liberal. 

Ou, tal e como veñen insistindo BE e PCP toda a campaña, que Costa perciba que o voto maioritario da cidadanía reclama o entendemento da geringonça

Comentarios