O presidente dos EUA afirma que "podería caer morto mañá"

Joe Biden segue sen confirmar se presentará a súa candidatura ás eleccións de 2024.
Capturas de vídeo dunha caída de Biden nas escaleiras do Air Force One. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Capturas de vídeo dunha caída de Biden nas escaleiras do Air Force One. (Foto: Nós Diario)

O presidente dos Estados Unidos (EUA), Joe Biden, afirmou nunha entrevista esta fin de semana na canle de televisión MSNBC que “podería caer morto mañá”, en resposta aos numerosos comentarios polo seu estado de saúde física e mental.

O dirixente estadounidense, sinalado desde o comezo do seu mandato por protagonizar varios episodios de comportamentos nos que se mostrou confuso ou incapacitado para realizar determinados movementos, explicou que “é lexítimo preocuparse pola saúde de calquera persoa, incluída a miña”.

Sobre a posibilidade de presentarse ás eleccións de 2024, Biden recoñeceu que non pode asegurar 100% que el vaia ser o candidato do Partido Demócrata. “Podería sufrir unha enfermidade mañá, caer morto mañá”, insistiu.

Porén, o presidente dos EUA matizou que “a mellor maneira de emitir un xuízo é verme. Estoume retrasando? Non teño xa o mesmo ritmo?”, preguntou Biden, para asegurar que a poboación debe decidir votar a favor del por “manter a mesma paixón polo que fai”.

O presidente de maior idade dos EUA

De presentarse aos comicios de 2024 e gañalos, Joe Biden batería o record do presidente con maior idade dos Estados Unidos en ser elixido, xa que contará con 82 anos. A actual marca tamén a estabeleceu o propio Biden, coa súa vitoria nas eleccións de 2020.

A pesar de anunciar en varias ocasión o seu desexo de intentar ser reelixido como presidente dos EUA dentro de dous anos, o actual dirixente estadounidense aínda non formalizou a súa candidatura.

Neste sentido, unha sondaxe realizada de maneira conxunta por Associated Press e o Centro NORC da Universidade de Chicago desvelou que menos de 30% da poboación estadounidense quere que Joe Biden ou o ex presidente e principal adversario Donald Trump volvan presentarse aos comicios de 2024.

Comentarios