Eleccións catalás

O PSC gañaría as eleccións catalás con moi pouca marxe sobre Junts, segundo as primeiras sondaxes

As casas enquisadoras difiren sobre a posibilidade de que unha coalición soberanista se achegue á maioría absoluta, mais coinciden en que o PSC será a primeira forza.
Persoas votando na Universidade de Barcelona (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press).
photo_camera Persoas votando na Universidade de Barcelona (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press).

O PSC gaña as eleccións ao Parlament de Catalunya con 43 escaños e 29,38% dos votos con 29,32% dos sufraxios escrutados, seguido de Junts, con 32 diputados e 20,05%, con 21 diputados e 13,56%.

Con esta porcentaxe de voto escrutado, o PP obtén 14 escanos e unha porcentaxe de voto de 10,54%; Vox, 12 escanos e  8,84%, e Comuns-Sumar con 6 escanos e 5,51%. Segue a CUP con 4 deputados e 3,88%, e Aliança Catalana, que entraría no Parlament con 3 escanos e 3,95%; mentres que Ciutadans quedaría fóra.

Enquisas

O PSC gañaría as eleccións catalás deste 12 de maio (con 37-40 deputados), seguido de Junts (con 33-36 escanos) e ERC (24-27), segundo unha sondaxe de Sigma Dos para 3Cat e RTVE. A sondaxe sitúa en cuarta posición ao PP (con 9-12 escanos) e a Vox en quinto lugar, cunha representación de entre 10 e 11 deputados.

En sexta posición se situaría a CUP (con 6-8 deputados), seguidos de Comuns-Sumar (con 6-7 escanos), mentres que Aliança Catalana entraría por primeira vez no Parlament de Catalunya con 1-3 escanos. Pola súa parte, Ciutadans sairía perdendo os 6 escanos da lexislatura actual.

De confirmarse estes resultados, as tres formacións soberanistas que actualmente teñen representación no Parlament de Catalunya (ERC, Junts e a CUP) estarían ao bordo de conseguir unha maioría absoluta conxunta.

Marxe socialista máis ampla segundo Gesop

A marxe socialista sobre Junt sería máis ampla segundo a sondaxe de Gesop para El Periódico. O PSC gañaría as eleccións (con 37-40 deputados), seguido de Junts (con 30-33 escanos) e ERC (21-24). Neste caso, a cuarta posición sería para a Vox (con 11-13 escanos) e o PP ficaría en quinto lugar, cunha representación de entre 10 e 13 deputados.

Por detrás, Comuns e CUP terían entre 7 e 9 escanos, mentres que Aliança Catalana entraría por primeira vez no Parlament con entre 4 e 7 escanos. Esta enquisa tamén apunta que Ciutadans perdería a súa representación. Esta estimación deixa máis lonxe unha maioría absoluta de ERC, Junts e a CUP.

Sociométrica

O PSC tería gañado as eleccións catalás con 27,9% dos votos e entre 39 e 41 escanos. En segundo lugar situaríase Junts, con 21,6% e entre 33 e 36 escanos, segundo a sondaxe de Sociométrica para El Español, que confirma a vitoria socialista e deixa lonxe a posibilidade dunha coalición soberanista.

En terceiro lugar colócase ERC con 15,9% dos sufraxios e entre 22 e 24 escanos. Séguelle o PP con 8,9% e entre 11 e 13 escanos, superando a Vox que obtería 7,6% dos votos e 10 ou 11 escanos. Pola súa parte, os comúns conseguirían 5,9% dos votos e unha pinza de entre 5 e 7 escanos. A CUP quedaría con 4,6% e entre 4 e 6 escanos. Finalmente entraría na Cámara Catalá a Aliança Catalana con 3,6% e entre 3 e 5 escanos. Ciutadans quedaría fóra.

Fechamento dos colexios ás 20 horas

Esta sondaxe coñecíase pouco despois do fechamento dos colexios electorais cataláns, con 8.940 mesas, que pararon as votacións ás 20 horas deste domingo nunha xornada marcada pola incidencia xeneralizada en Rodalies tras un roubo de cobre.

ERC e Junts pediran ás xuntas electorais de cada circunscrición que se prolongase a xornada electoral deste domingo pola incidencia no sistema ferroviario de Catalunya, mais as peticións das dúas formacións soberanistas foron desestimadas.

Un total de 5.754.840 persoas estaban chamadas a votar nas eleccións ao Parlament de Catalunya: hai 80.000 persoas (incluíndo as suplentes) implicadas nas 8.940 mesas dos 2.695 colexios electorais, onde había dispoñíbeis 5,8 millóns de papeletas e 6,2 millóns de sobres.

Comentarios