República democrática fronte a pudin inglés

Presentados os actos de celebración do 70º aniversario do trono de Isabel II.
republic_notanother70
photo_camera Imaxe da campaña republicana "Non a outros 70".

A raíña Isabel II de Inglaterra, de 95 anos, é a monarca máis idade e que máis tempo leva no trono de todos os rexentes actuais. O vindeiro 6 de febreiro celebrará o 70º aniversario do inicio do seu reinado e o palacio de Buckingham deu onte a coñecer a axenda de actos para os catro días de festexos ─incluído un festivo adicional no calendario laboral─ que do 2 ao 5 de xuño se desenvolverán dentro do chamado Xubileu de Platino da xefa do Estado británica.

Tamén onte, a organización política República anunciou unha axenda alternativa de actos, neste caso para reclamar "Non a outros 70". Este é o lema da campaña da entidade, cuxo único obxectivo é "a abolición da monarquía británica en favor dunha república democrática".

O seu portavoz, Graham Smith, asegurou que "mentres unha minoría quere celebrar o 70º aniversario", o resto "debemos de comezar a mirar cara ao futuro". "A idea dun rei Carlos [fillo maior de Isabel e herdeiro ao trono] non é agradábel, e hai unha alternativa boa e democrática que ofrecer", engadiu.

Custe non só económico

A campaña republicana discorrerá paralela aos actos oficiais: dará comezo o 6 de febreiro, día de 1952 en que Isabel II ascendeu ao trono, e finalizará en xuño coa organización dunha conferencia. "É hora de termos un serio debate sobre os nosos principios constitucionais, aceptar que Carlos non e o mellor que o país ten para ofrecer, e que como nación somos capaces de elixir o noso xefe de Estado", reflexionou Smith.

Para República, cómpre analizar o custe de soster a monarquía. "Un custe que non é só financeiro, é un custe para a nosa democracia, para o noso status como cidadáns e para os nosos principios", segundo expuxo Smith no comunicado publicado na web da organización, onde tamén se salientan os escándalos de racismo ou de abuso de fondos públicos en que se viu involucrada a Coroa británica nos últimos meses.

Coroa que para esquecelos, co gallo do aniversario, ofrecerá nos próximos meses concertos de "estrelas mundiais" ou a posibilidade de ver as casas da raíña, segundo recolleu a BBC. A primeira actividade deu comezo onte: o reto de elaborar un novo pudin ─doce típico da cociña inglesa─ en homenaxe a Isabel II, que será seleccionado por unha xuíz de Masterchef. 

Comentarios