A revolta dos federalistas esténdese a novas cidades en desafío ao ultimato de Kiev

O ultimato dado por Kiev venceu a primeira hora da segunda feira. O  presidente ucraíno, Alexandr Turchínov, asinou o decreto que autoriza a intervención do exército mais tamén propón a realización dun referendo sobre a fórmula territorial a adoptar. A consulta sería a nivel de toda Ucraína.

donetsk

Vintecatro horas despois de que vencese o ultimato dado por Kiev aos activistas pro-rusos (eles defínense como federalistas ou confederalistas) para que abandonasen os edificios estatais ocupados, a realidade é que hai máis instalacións ocupadas ca nunca. Lonxe de abandonar os edificios, a revolta estendeuse a novas cidades no leste de Ucraína. Así, a Donetsk, Mariupol, Jarkou ou Slaviansk hai que engadir as de Zhdánovka, Yenákievo, Artiomsk e Kramatorsk . E así até unha ducida de cidades con comisarías, sedes oficiais, edificios gobernamentais... ocupadas.

A tensión tamén está en KIev: o candidato Oleg Tsariov está grave após unha malleira de radicais 

O  presidente ucraíno, Alexandr Turchínov, asinou o decreto que autoriza a intervención das tropas das forzas armadas que nestes días se concentraron na zona leste de Ucraína. Unidades listas, sinalan desde Kiev, para intervir no que cualifican de “operación anti-terrorista”. Xa houbo, o domingo, varios tiroteos entre exército e rebeldes que se saldaron con dous mortos e varias persoas feridas. A isto engádese a denuncia recollida por axencias rusas de que grupos paramilitares de extrema dereita están a chegar a esa zona desde toda Ucraína.

Referendo

O goberno ucraíno mesmo propuxo a realización dun referendo para decidir sobre a estrutura territorial do país. Unha resposta á petición dos rebeldes de que se fagan referendos para decidir sobre o futuro dos seus territorios. Mais a oferta do executivo central é para que a decisión sexa adoptada polo conxunto d@s ucraín@s.

O Consello da República popular de Donetsk incide en que non pensa abandonar nin renderse até que Kiev recoñeza o dereito da rexión a que os seus habitantes dedican o que queren.Unha petición que tamén fan as rexións de Jarkov e Lugansk.

Conversa Obama-Putin

Os presidentes ruso e estadounidense mantiveron unha conversa telefónica sobre a situación en Ucraína. Putin pediu a Obama que empregase a súa influencia para evitar “un derramamento de sangue” mentres que o mandatario estadounidense retrucou ao ruso que a súa actitude dificulta unha saída diplomática.

Comentarios