As rúas de Cuba chaman a seguir avanzando contra a homofobia

Tivo lugar a VII Xornada Cubana contra a Homofobia e a Transfobia. A reivindicación central foi a legalización do "matrimonio igualitario". A militancia do Partido Comunista ten desde 2013 a obriga de combater esta forma de discriminación.

cuba

Varios centenares de persoas se manifestaron en La Habana no xa tradicional desfile reivindicativo contra a homofobia. Á fronte da convocatoria estivo a directora do Centro Nacional de Educación Sexual (Cenesex) e filla do presidente cubano Raúl Castro. A sexóloga e expresidenta da Federación de Mulleres de Cuba, Mariela Castro Espín, mostrouse certa de que "a sociedade cubana avanza" na loita contra a homofobia e o respecto á liberdade de opción sexual. "Son cada vez máis as institucións e grupos sociais que nos apoian", acrecentou.

Cenesex, dirixido pola filla de Raúl Castro, promove a legalización do matrimonio igualitario

Baixo consignas como "amar debe ser legal" e "por unha familia libre de homofobia", os e as manifestantes expresaban o seu apoio a reforma legal que impulsa o Cenesex para lograren que o Código de Familia da illa permita a legalización do matrimonio igualitario. A marcha contou con delegacións da Asociación Internacional de Lesbianas, Gays, Transexuais e Intersexuais (ILGA), que representa a máis de 1.200 institucións e colectivos de todo o mundo. A súa cosecretaria xeral, Gloria Careaga, recoñecía o avance da loita contra a homofobia en Cuba. "É realmente marabilloso ver como medrou esta celebración" valorou. 

O desfile estivo encadrado nos actos da VII Xornada Cubana contra a Homofobia e a Transfobia,  celebrada este sábado e que nesta ocasión estivo centrada no papel da familia "pola súa enorme responsabilidade social para acabar cos prexuízos e a discriminación" explicou Mariela Castro.  Castro chamou a "seguir unindo esforzos para construír ese mundo xusto que necesitamos e lograr a integración das persoas con orientación sexual ou unha identidade de xénero diferente á norma heterosexual". A xornada incluíu a proxección de audiovisuais, actividades de promoción da saúde, información sobre identidade de xénero e diversidade sexual así como a venda de roupa e artesanía. A Gala Cubana contra a homofobia, que tivo lugar no Teatro Karl Marx, puxo o ramo ao evento.

O Partido Comunista, contra a discriminación sexual

"A Revolución socialista é inclusiva e oponse por principio a calquera tipo de discriminación. Quedaron atrás, afortunadamente, os anos de incomprensións e erros", expresaba Yuris Nórido nun artigo publicado en maio de 2012 no sitio web CubaSi. Poucas datas antes a propia Mariela Castro confesaba nunha entrevista que non concebía o socialismo "convivindo con formas de discriminación como a homofobia" e sinalaba a necesidade dunha "intervención de cambio cultural profundo, a través da incidencia educativa, da política que avala esa estratexia, dos medios de comunicación e das leis".

Desde 2013 os estatutos do PCC obrigan á militancia a loitar contra a homofobia e transfobia

Logo de expresar autocrítica a respecto da permisividade coa homofobia presente nos primeiros anos da revolución cubana, o Partido Comunista de Cuba adquiriu o compromiso de combater esa forma de discriminación. Na súa Conferencia Nacional, realizada en 2012, incorporou no seu plano de traballo esa tarefa e en febreiro de 2013 realizou unha importante campaña entre a militancia do partido, para facer efectiva a modificación estatutaria que obriga a todos os seus membros e membras a enfrentaren prexuízos e conductas discriminatorias tamén por orientación sexual.  

Comentarios