Un senador republicano dos EUA suxire que Israel use a bomba atómica na Faixa de Gaza

As autoridades da Faixa de Gaza alertan de que o sistema sanitario do enclave podería "colapsar nunhas poucas horas".
O senador republicano Lindsey Graham (Foto: Europa Press / Contacto / Volodymyr Tarasov).
photo_camera O senador republicano Lindsey Graham (Foto: Europa Press / Contacto / Volodymyr Tarasov).

O senador republicano estadounidense Lindsey Graham afirmou este domingo que Israel debe facer todo o necesario para gañar a súa guerra en Gaza, e equiparou a situación cos bombardeos atómicos a cidades xaponesas por parte de Washington durante a Segunda Guerra Mundial.

"Cando nos enfrontamos á destrución como nación despois de Pearl Harbor, loitando contra os alemáns e os xaponeses, decidimos pór fin á guerra bombardeando Hiroshima e Nagasaki con armas nucleares", dixo o político republicano nunha entrevista con NBC News.

"Esa foi a decisión correcta", sostivo o senador. "Dar a Israel as bombas que necesita para pór fin á guerra. Non poden permitirse o luxo de perder", agregou, instando Israel a non retroceder ante o inimigo. "Entón, Israel, fai o que teñas que facer para sobrevivir como Estado xudeu. O que teñas que facer", manifestou.

Ao mesmo tempo, Graham asegurou que Hamás é a parte culpábel da maioría das vítimas civís na Faixa de Gaza. "Creo que é imposíbel mitigar as mortes de civís en Gaza mentres Hamás utilice á súa propia poboación como escudos humanos. Nunca vin na historia da guerra esforzos tan descarados por parte dun inimigo, Hamás, para pór aos civís en risco", concluíu.

Intervención sobre o maior campamento de persoas desprazadas

As Forzas Armadas israelís informaron da entrada de varias divisións en Yabalia, no norte da Faixa de Gaza, nunha nova operación que veu precedida dun intenso bombardeo nas inmediacións do considerado como maior campamento de persoas desprazadas do enclave palestino.

Neste contexto, as autoridades da Faixa de Gaza alertaron esta segunda feira de que o sistema sanitario do enclave podería "colapsar nunhas poucas horas" a causa da ausencia de combustíbel tras o bloqueo por parte de Israel do paso de Rafá fai perto de unha semana.

Comentarios