O novo Goberno progresista e panafricanista do Senegal abre a porta á expulsión das tropas francesas

O Exército de Francia xa tivo que saír de Níxer, Burkina Faso e Malí.
Ousmane Sonko. (Foto: Europa Press / Contacto / Demba Gueye)
photo_camera Ousmane Sonko. (Foto: Europa Press / Contacto / Demba Gueye)

O primeiro ministro Ousmane Sonko subliñou “a vontade do Senegal de coidar de si propio, que é incompatíbel coa presenza de bases militares estranxeiras”, recolleron a sexta feira medios internacionais.

Sonko incidiu en que “debemos preguntarnos sobre as razóns polas que o Exército francés, por exemplo, se beneficia de múltiples bases militares no noso país e sobre o impacto desta presenza sobre a nosa independencia nacional e a nosa soberanía”. 350 militares franceses están despregados nestes momentos no país.

Despois de manifestar que respectarán os acordos de defensa asinados entre o Senegal e países como Francia ou os Estados Unidos, destacou que estes pactos non xustifican “que un terzo da rexión de Dakar estea ocupado nestes momentos por bases estranxeiras”.

Cuarto país da zona en botar Francia

Desde 2022, Francia tivo que retirar as súas tropas de Níxer, Burkina Faso e Malí, como o Senegal territorios nos que exercera con anterioridade como colonizador. En alusión a estes tres países, que conformaron a Alianza de Estados do Sahel, Sonko defendeu que “faremos todo o necesario para reforzar os vínculos”.

O primeiro ministro foi designado polo novo presidente, o progresista e panafricanista Bassirou Diomaye Faye, que chegou ao poder tras a inhabilitación de Sonko.

Aval europeo á represión

Nese sentido, asegurou que “moitos Gobernos europeos, especialmente os franceses, teñen dificultades para facer fronte ao noso discurso político soberanista e se propoñen obstaculizalo”, o que considerou “explica o silencio aprobatorio ante a sanguenta persecución do réxime do presidente Macky Sall contra o noso partido”, Patriotas Africanos do Senegal polo Traballo, a Ética e a Fraternidade (Pastef).

Comentarios