"Será a extrema dereita ou nós", ratifica a Nova Fronte Popular en Francia na presentación do seu programa de Goberno

A Xustiza considera ilegal a destitución de Ciotti nos Republicanos.

Marine Tondelier, líder dos Verdes, onte. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marine Tondelier, líder dos Verdes, a sexta feira. (Foto: Nós Diario)

A sexta feira, apenas 48 horas antes do feche do rexistro de candidaturas para as eleccións lexislativas en Francia, convocadas polo presidente Emmanuel Macron tras a vitoria da ultradereita nos comicios ao Parlamento Europeo, o panorama electoral quedou case totalmente definido ao presentar a Nova Fronte Popular (NFP), que agrupa socialistas, comunistas, ecoloxistas e A Francia Insubmisa (LFI), o seu programa de Goberno.

O documento recolle desde reverter as reformas das pensións e sobre migración de Macron até a “fin dos tratados de libre comercio”, aumentando os impostos ás persoas máis ricas ou conxelando os prezos de alimentos, enerxía ou combustíbel, así como “salvar” a sanidade pública e impulsar un “plan de reconstrución industrial”.

Empate técnico

A líder dos Verdes, Marine Tondelier, salientou que “será a extrema dereita ou nós”, algo que constatan as sondaxes, que amosan como a esquerda reduciu distancias coa Reagrupación Nacional (RN) de Marine Le Pen -logrando un empate técnico-, contra a que se convocaron esta fin de semana mobilizacións antifascistas ao longo do territorio.

Pola súa parte, a liberal Renacemento, a formación de Macron, constituíu unha coalición con outras forzas conservadoras de menor entidade, e segundo os traballos demoscópicos ficará en terceira posición nas votacións do 30 de xuño, cunha segunda fase o 7 de xullo.

Vía libre para o pacto dos Republicanos coa ultradereita

No que atinxe á conservadora Os Republicanos (LR), un tribunal de París resolveu onte que a reunión da dirección que destituíu e expulsou Éric Ciotti como presidente tras anunciar esta semana unha alianza con RN foi ilegal, polo que, sen entrar no fondo da cuestión, avala que siga a tomar as decisións a nome da formación.

Comentarios