Tailandia convértese no primeiro país no sueste de Asia en legalizar o matrimonio igualitario

Prevese que a norma entre en vigor a finais de outubro ou novembro.
Desfile do Orgullo LGTB este mes en Tailandi. (Foto: Varuth Pongsapipatt / SOPA Images / DPA vía Europa Press)
photo_camera Desfile do Orgullo LGTB este mes en Tailandia. (Foto: Varuth Pongsapipatt / SOPA Images / DPA vía Europa Press)

O Senado tailandés aprobou a terza feira a norma que legaliza o matrimonio igualitario, converténdose desta maneira no primeiro Estado do sueste asiático que recoñece este dereito das parellas do mesmo sexo. Logo do Nepal e Taiwán, que a China considera unha parte da República Popular, é o terceiro territorio en dar o paso no continente.

A norma garante que estas parellas terán os mesmos dereitos que os matrimonios entre persoas heterosexuais a nivel de herdanzas, desgravacións fiscais ou adopción, e eleva a unha trintena o díxito de Estados cuxa lexislación inclúe este dereito.

Após ser aprobada cun importante apoio na Cámara de Representantes en marzo, na Cámara Alta recibiu 130 votos a favor, con 18 abstencións e catro en contra na terceira e definitiva votación do proxecto.

A activista de Fortify Rights, Mookdapa Yangyuenpradorn, salientou que é “un triunfo para a xustiza e os dereitos humanos” despois dun camiño “longo e cheo de desafíos”, nunha data que, aseverou, “marca un momento histórico que merece celebración”.

Tras a fin dos trámites parlamentarios a lei foi remitida ao Goberno, despois do que ten que ser rubricada polo rei de Tailandia, Maha Vajiralongkorn. Unha vez sancionada, entraría en vigor 120 días despois de ser publicada na Gaceta Real, nuns prazos que se estenderían até finais de outubro ou novembro.

O Xapón

A nivel continental, o país que está máis perto de seguir a senda tailandesa é o Xapón, no que diversas sentenzas resolveron que a prohibición do matrimonio igualitario é inconstitucional, presionando o Executivo nipón neste sentido.

Comentarios