Todas as esperanzas postas en Trump: Netanyahu azúa o choque con Biden

Washington critica que "ningún outro país" fai máis por Israel.
Crianza palestina ferida nun ataque israelí a Gaza, onte. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)
photo_camera Crianza palestina ferida nun ataque israelí a Gaza, onte. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)

Nunha entrevista divulgada a sexta feira, o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, intensificou o enfrontamento diplomático das últimas xornadas co seu principal aliado e provedor armamentístico, os Estados Unidos, que el mesmo desatou afirmando que o secretario de Estado, Antony Blinken, se comprometera a acabar coas restricións nas entregas de armas no marco da agresión militar sionista contra Gaza.

A agresión está considerada un xenocidio e unha limpeza étnica por persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU).

Netanyahu reiterou que houbo “unha gran desaceleración na subministración de municións e armas importantes”, o que frearía a vitoria na Faixa, polo que “sentín que facelo público era absolutamente necesario despois de meses de conversas tranquilas que non resolveron o problema”.

Antes destas declaracións, Blinken insistira en que os envíos se trasladaban “normalmente”, e o voceiro de Seguridade Nacional da Casa Branca, John Kirby, comunicou que as súas palabras eran “desconcertantes” e “decepcionantes”, facendo énfase en que “irritaron” o Goberno que lidera Joe Biden posto que “ningún outro país está a facer máis que os Estados Unidos para axudar Israel a defenderse”.

Un obxectivo imposíbel

Porén, o Exército atribúe o fracaso militar en Gaza aos obxectivos imposíbeis do Executivo, como a destrución de Hamás, no medio dunha escaseza de soldados.

Nese sentido, os militares queren retirarse de Gaza, algo que Netanyahu bloquea para evitar a fin da súa carreira, buscando “esperar coa esperanza de que [Donald] Trump sexa elixido presidente en novembro”, detalla o analista militar israelí Amos Harel.

Comentarios