Ucraína e a UE asinan o acordo que rexeitara o ex-presidente Ianukovich

Ianukovich pedira tempo para estudar o texto porque, segundo está redactado, vai mermar a soberanía da Ucraína e empioraría tamén as condicións de vida da poboación. A non asinatura do acordo desatou o levantamento contra o goberno, encoraxado pola UE e os EUA.

ucrania

A Ucraína asinou esta sexta feira as bases dun acordo de parceria coa Unión Europea, xustamente cando se fan catro meses desde que o presidente deposto Viktor Ianukovich rexeitou calquera avanzo en dirección a Bruxelas. A recuada de Ianukovich deu inicio aos primeiros protestos na praza da Independencia, que concluíron recentemente coa anexión da Crimea á Rusia. 

Esta sexta feira foi o primeiro ministro interino, Arseni Iatseniuk, quen asinou o Acordo de Asociación cóbado con cóbado en Bruxelas co presidente da Comisión Europea, Durão Barroso, e o presidente do Consello Europeo, Herman Van Rompuy. O pacto lanza as bases para o estreitamento da cooperación política e económica, aínda que partes substanciais só veñan a ser ratificadas tras as eleccións presidenciais marcadas para 25 de Maio.

Ianukovich pediu tempo para estudar o acordo que a UE puxo riba da mesa porque segundo está redactado mermaría a soberanía da Ucraína e mermaría tamén as condicións de vida da poboación, xa que a economía ucraniana non ten forza dabondo para afrontar todas as esixencias que estabelece o documento. Europa esixe que se muden varias leis e que se acometa unha reconversión da súa industria sen apoio do exterior. 

Polo de agora só foron asinados os puntos políticos do documento. Posteriormente serán ratificadas áreas máis específicas, como a política externa, a enerxía e o nuclear e a cooperación xudiciaria. Está aínda previsto o establecemento dun espazo de comercio libre, suxeito a negociacións sobre a política de visados. Dixo Van Rompuy que a rúbrica deste acordo é "unha homenaxe a quen deu a vida pola liberdade" e a presidenta alemá, Angela Merkel, aplaudiu tamén a sinatura.

Comentarios