As vítimas do alude en Papúa Nova Guinea ascenden a 2.000 após unha revisión do Goberno local

Loitas tribais no lugar dos feitos dificultan a xestión humanitaria.
Área soterrada polo alude en Papúa Nova Guinea a sexta feira. (Foto: Ninga Role / NINGA ROLE / AAP Image / DPA vía Europa Press)
photo_camera Área soterrada polo alude en Papúa Nova Guinea a sexta feira. (Foto: Ninga Role / NINGA ROLE / AAP Image / DPA vía Europa Press)

Máis de 2.000 persoas quedaron soterradas por un escorregamento de terra a finais da pasada semana en Papúa Nova Guinea, transcendeu a segunda feira tras proporcionar os datos o Executivo local á Organización das Nacións Unidas (ONU), que estimara que até 670 persoas faleceran na avalancha que se produciu no interior do país.

Luseta Laso Mana, directora provisoria do Centro Nacional de Desastres, detallou que o movemento de terra causou unha “gran destrución” na vila de Yambali, na provincia de Enga, que tiña unha poboación de arredor de 4.000 persoas.

Apenas seis cadáveres foran recuperados até esta segunda feira, sinalou a axencia AP. Unha disputa tribal na provincia, canda a localización remota da localidade e a falta de telecomunicacións, está a dificultar a resposta contra o desastre, obrigando o Exército do país a protexer os convois de axuda.

Oito persoas morreron a fin de semana en enfrontamentos que en febreiro causaron a morte de 26 persoas. A ONU estima que 6.000 persoas ficaron damnificadas polo alude, que soterrou as fontes de auga potábel da zona.

Comentarios