Palabras con memoria: corpos falantes

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Oucejar é sinónimo de divisar ou enxergar. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Oucejar é sinónimo de divisar ou enxergar. (Foto: Nós Diario)

lingole (a).- Levar a alguén collido entre dous por debaixo dos brazos.
Lugar de escoita.- Boal (Asturies).
Fonte.- Begoña Macero.

oucejar.- Divisar, enxergar.
Exemplo.- “Do alto daquel outeiro ouceja-se Lugo.”
Lugar de escoita.- Vicinte (Outeiro de Rei).
Fonte.- Ramiro Barros Justo.

rabelear.- (Ademais de significados xa rexistrados) Moverse algo ou alguén (especialmente os nenos-as) moi rápido.
Exemplo.- “Os nenos andan a rabelear no faiado. Non sei que estarán a facer…”
Lugar de escoita.- Santa María de Taboexa (As Neves).
Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

sobarco (ao).- Debaixo do brazo.
Exemplo.- “Levaba o paraugas ao sobarco.”
Lugar de escoita.- Valcarría (Viveiro).
Fonte.- Paco Luís Rodríguez Guerreiro.

xamba.- Perna. Extremidade inferior do corpo das persoas ou parte do animal situada entre o pé e os xeonllos.
Lugar de escoita.- Bergantiños e noutras zonas da Galiza rural.
Fonte.- Alberte Suras.

Comentarios