Correlingua: doce carreiras para garantir as mil primaveras máis para o galego

O 'Correlingua' chega da man da primavera para percorrer unha ducia de cidades e vilas de Galiza do 5 ao 16 de maio. 'Galego, o paso adiante' é o lema desta XIV edición na que, máis unha vez, tomarán parte milleiros de escolares.

Doce carreiras noutras tantas cidades e vilas do país co premio de defender, promocionar, espallar e gozar da lingua propia de Galiza. Mais un ano chega a primavera e con ela o 'Correlingua', a iniciativa impulsada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Deputación de Lugo.

Milleiros de escolares participan ano tras ano nunha iniciativa que ten no galego o seu cerne

O lema deste ano é 'Galego, o paso adiante', unha chiscadela o escritor homenaxeado este 2014, Xosé María Díaz Castro, quen, en Penélope, falaba do abalar da historia de Galiza: “un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move”. A primeira cita será o 5 de maio en Pontevedra e a meta final o 16 dese mes en Foz. Das Rías Baixas ás Rías Altas. Do rapante á meiga.

Entre o 5 o16, o Correlingua pasará por Compostela, Lugo, Ferrol, Monforte, Vigo, Tui-Baixo Miño, A Estrada, O Morrazo, Ourense e A Coruña. De broche de ouro, festa final con música, poesía, convivio..

Todo o ano

O Correlingua iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de video, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.

Comentarios