Doce horas ininterrompidas polo galego para acender esta sexta feira a nova xeira de Irmandade TV

O programa realizarase en directo desde os estudos de Irmandade TV en Compostela e poderá ser seguido a través da canle de TDT, Nós TV, a través da web e tamén en Radiofusión, rede de radios locais de Galiza.

IrmandadeTV
photo_camera IrmandadeTV

Ás 11:00 da mañá desta sexta feira comeza a nova etapa de Irmandade TV cun maratón pola lingua galega de 12 horas de duración, até as 23:00 horas. Entrevistas,reportaxes, debates e análises sobre diversos aspectos da vida social, política, económica ou cultural e a

súa relación co galego centrarán esta emisión. “Será unha xornada onde a protagonista será a lingua galega e os seus falantes”, sinalan desde a propia canle. “Debateremos sobre o seu futuro con expertos e xentes do común, adolescentes, xóvenes e todos os sectores implicados no seu desenvolvemento”.O espazo será presentado por Aurélio Lopes, director de Irmandade TV; e Sara Torreiro, directora dos espazos informativos producidos por Irmandade TV.

“Entrevistas, humor, música e reportaxes mistúranse para configurar un programa áxil e ameno. Oitenta e cinco lingüistas, filólogos, profesores, sociólogos, escritores, xornalistas, xentes do teatro e da cultura e rapaces e rapazas pasarán polo programa, que supoñerá un fito na historia da radio e da televisión en Galiza. Pretendemos reflectir toda a pluralidade existente na nosa comunidade arredor da lingua”, sosteñen.

O programa realizarase en directo desde os estudos de Irmandade TV en Área Central (Santiago de Compostela) e poderá ser seguido a través da canle de TDT, Nós TV, nas Comarcas de Compostela, Deza e Tabeirós e a través da web www.irmandade.tv e tamén en Radiofusión, rede de radios locais de Galiza con dezaseis emisoras asociadas.

Con este importante paso comeza Irmandade TV a súa nova xeira, na que aos poucos a programación irá decorrendo e ampliándose, ofertando unha grella con informativos, deportes, debates... "Queremos ser unha televisión que non teña nada a envexar a ningunha outra, e feita desde Galiza", ten afirmado Aurelio Lópes.

Comentarios