ISIDRO NOVO

"Sobre o futuro do galego, ao mellor peco de cándido, pero son optimista"

Este domingo debrúzase sobre a xanela do #VenhanMais5 Isidro Novo (AELG), membro da Comunidade Sermos na súa calidade de coordenador da sección Palabras con Memoria.

Isidro-2017-4
photo_camera Isidro Novo

-Como avalías o estado actual da lingua galega?

Eu considero que as constantes vitais do galego aínda son o bastante vigorosas para dicir que resistimos, malia que ese estado de resistencia se deba totalmente á iniciativa de sectores cidadáns e non á promoción e protección do idioma por parte dos organismos políticos, aínda que teoricamente sexa unha das catro linguas do Estado.

-Que evolución agardas na situación do galego a a cinco anos vista?

Sermos debería criar unha sección dedicada ao campo galego con perspectiva de futuro

-Ao mellor peco de cándido, pero son optimista. Eu son dos que considero que a reivindicación do galego en Galiza como lingua de primeiro nivel vai vir a través d@s nos@s net@s por unha razón tan sinxela como é a desaparición dos prexuízos verbo dela. O galego pasou cinco séculos longos subsistindo grazas á clase baixa do rural e por iso a clase media, nada nas vilas e cidades coa industria e co comercio, para que non a “confundisen” con aquela, pobre en xeral economicamente, fixo todo o posíbel por distanciarse renunciando ao idioma propio e mesmo aos seus costumes. Ata as clases altas do país non foron nin son tan belixerantes co galego como esa clase intermedia acomplexada, e por outra banda tan maioritaria. Agora as novas xeracións, desa clase incluso, lidas e instruídas, empezan a vela como unha lingua de prestixio. Hai un ano, nun xornal deste país, un estudo feito entre galeg@s de 15 a 25 anos xa facía notar unha  “deshostilización” con desexos de aproximación e quero pensar que iremos progresando.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Eu coido que, sendo aínda un país eminentemente labrego, habería que falar máis do campo e ademais promovelo, porque o futuro de Galiza está no retorno á aldea. Por suposto, un retorno con bagaxe, con coñecementos novos, dende a Universidade. Para facer cultivos ecolóxicos e de xardinería, para a fabricación de cosmética e de produtos derivados de orixe animal, para un novo tratamento dos montes, pero tamén para outras actividades inexploradas ata o momento. O campo merecería máis atención neste xornal no sentido de valorar as súas posibilidades. En resumo, estaría ben unha sección que fale do campo con perspectiva de futuro.

Comentarios