Política Lingüística ampárase na liberdade de cátedra para xustificar un manual da UNED con toponimia ilegal

''O que temos é un profesor universitario que expón unha opinión baseada nuns criterios da autoridade da Real Academia Española'', defende a Xunta na resposta escrita remitida após unha denuncia da Mesa pola Normalización para esixir a retirada do devandito manual.

anaponton
photo_camera [Imaxe: Ljr]

A secretaría xeral de Política Lingüística amparouse no "uso da liberdade de cátedra recoñecida pola Constitución española" para xustificar que na universidade a distancia, a UNED, se recomende para a titulación de Xornalismo un manual elaborado por un dos docentes da materia en que se recomenda o uso de toponimia ilegal para evitar os termos oficiais na Galiza. 

"Carballino, Orense, Arteijo, Puerto del Son, Puentes de García Rodríguez, Bayona, Poyo, Villanueva de Arosa, La Coruña, Puentedeume, Puebla del Caramiñal ou Villalba" son algunhas das formas que o profesor de 'Comunicación Oral y Escrita en Lengua Española II' sinala ao seu alumnado como "uso correcto" para se referir á toponimia galega. 

Liberdade de cátedra e argumentos da Real Academia Española

A Mesa pola Normalización Lingüística fíxose eco da denuncia dun estudante e presentou unha pregunta no Parlamento galego a través da deputada do BNG Ana Pontón. Coa resposta na man, asinada por Gonzalo José Ordóñez, director xeral de Relacións institucionais da Xunta da Galiza, esta explica que Política Lingüística "fixo un seguimento do tema" para concluír que "hai que puntualizar que non se trata dun manual da UNED" --argumentando que foi redactado por un docente e non pola institución-- e que, por tanto, "o que temos é un profesor universitario que, no uso da liberdade de cátedra recoñecida pola Constitución española, expón unha opinión baseada nuns criterios da autoridade da Real Academia Española dentro dos materiais de apoio dunha materia". 

O manual fala de "topónimo tradicional español" para se referir a La Coruña

Cales son eses criterios en que este docente basea as súas recomendacións? Porque, segundo explica ao seu alumnado, unha cousa é o "uso xeral" e outra cousa é o "uso oficial". E por se tratar dunha materia de xornalismo, exemplifica todo isto cunha reflexión crítica a respeito da toponimia que usan os medios de comunicación: "en España, muchos periódicos, cadenas de radio, televisión, etc., no radicados en Galicia utilizan la forma A Coruña, cuando lo lógico, en estos casos, es emplear el topónimo tradicional español: La Coruña". 

Na súa resposta escrita, o goberno galego argumenta non estar de acordo con tales criterios "por seren incorrectos" e acredenta que "a chave é que a RAE mude eses criterios interpretativos". Porén, nada di a Xunta sobre os fíos que vai mover para que a Academia española deixe de fomentar o uso da toponimia ilegal. 

Unha resposta ''alarmante'' e ''rechamante'' a xuízo da Mesa e do BNG

En rolda de imprensa esta segunda feira, 24 de febreiro, a deputada nacionalista Ana Pontón, e o presidente da Mesa, Carlos Callón, subliñaron que na UNED é posíbel estudar en euskera e en catalán, mais non en galego. Ao entender de Pontón, a resposta da Xunta é tan "alarmante" como "rechamante" é que se amparen na Real Academia Española para avalar este incumprimento da legalidade.

Pola súa banda, Callón deixou claro que a denuncia non foi presentada "por capricho", senón por un incumprimento "clamoroso" da Lei de Normalización que a UNED leva tamén á súa páxina web, onde mantén formas toponímicas deturpadas.

Comentarios