O PP repudia dar rango de lei á normalización do galego

A maioría popular rexeitou a proposta do BNG -apoiada por toda a oposición- de elevar o Plan de normalización aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2002 a rango de lei e dar inicio a unha etapa de políticas favorábeis e positivas para o idioma.

O Correlingua polas ruas de Vigo

O PP votou contra a proposición de elevar a rango de lei o plan de normalización lingüística aprobado no seu día por unanimidade polo Parlamento Galego. Argumentou que converter en lei dito plan sería “rachar o consenso”. Porén o plan fora aprobado por unanimidade de todos os grupos parlamentares e o PP ficou esta terza feira só no rexeitamento a esta proposta. Unha proposta defendida por Ana Pontón (BNG), que aclarou que se ben era presentada pol@s nacionalistas, era unha demanda de todas as persoas que traballaron para elaborar esta lei, as persoas  que naquel momento apoiaron unanimemente o Plan xeral no Parlamento e para dar resposta á demanda de diversos colectivos como: Queremos galego, A Mesa, Prolingua, Coordinadora de traballadores pola Normalización Lingüística, Consello da Cultura e Real Academia galega.

Pontón comezou a súa intervención lembrando a Rosa Parks, a costureira negra que co seu xesto en 1965 de se negar -tal e como fixaba a lei- a ceder a cadeira no bus a un branco, marcando así un punto de inflexión na defensa dos dereitos civís para o seu pobo. “Defendemos que o galego deixe de ter que viaxar na parte de atrás do autobús”, dixo a deputada do BNG, moi dura cun goberno que non é quen, acusou, de manter un mínimo compromiso co idioma. “Reclamamos para o galego os mesmos dereitos que as do resto do mundo. Somos a única lingua do Estado que perde falantes”. Ante esta situación, considerou que o preciso é actuar e a mellor forma de facelo e acolléndonos ao xa acordado e que sigue vixente a día de hoxe, e  “o Plan Xeral é a base para avanzar”  é tamén defender “a democracia e dignidade do Parlamento” porque incumprir os acordos da Cámara galega é “burlarse da democracia e converter o Parlamento nun apéndice inútil” A parlamentaria lembrou que hai dez anos da aprobación do Plan Xeral, e máis de seis que Feijóo, “decidiu enterralo” demostrando que é “especialista en dinamitar acordos”.

“O castelán é liberdade, o galego é imposición”

Nas súas quendas de intervención os diferentes grupos (AGE, PSdeG e Mixto) amosaron a súa preocupación pola situación do galego e avogaron por máis compromiso do executivo para co idioma propio. No grupo mixto denunciaron que “non hai garantías” para poder vivir en galego con normalidade e reclamaron que “non val de nada poñer compromisos no papel se iso nons e acompaña de orzamentos, de obrigas...”.

Alternativa Galega de Esquerdas incidiu na mala situación do galego e avogou pola necesidade de mellorar e incorporar achegas á normalización, pois houbo cambios nesta década. O PSdeG acusou o PP de “buscar artificialmente a confrontación sobre a lingua” e criticou que no discurso dos populares “o castelán vincúlase á liberdade e o galego á imposición”.

Inmutábel PP

Ningún argumento convenceu os populares, que tiraron dun argumentario xa clásico neles e acusar a oposición de “rachar o consenso” sobre o idioma e de procurar “impoñer” o galego. Afirmaron que nin as persoas do Rexurditamento nin nas Irmadades da Fala “optaron pola imposición” e acusaron o BNG de querer un idioma “no camiño da soberanía”.


 

Comentarios