Takekazu Asaka: "Para min, nipogalego, a lingua propia da Galiza é a miña segunda lingua"

A Academia Galega recibe este sábado como membro de honra ao profesor, embaixador da lingua e a cultura galega en Xapón. Asaka descubriu o galego en 1977 durante unha estancia en Madrid ao ver nun quiosco un semanario que non estaba escrito no mesmo idioma que o resto. Era 'A Nosa Terra'.

tekekazu asaka
photo_camera (Foto: RAG)

Takekazu Asaka (Tokio, 1952) foi nomeado este sábado novo académico de honra da Real Academia Galega (RAG) nun acto celebrado en Cambados (O Salnés) no que expresou o seu amor polo galego. "Para min, nipogalego, a lingua propia de Galiza é a miña segunda lingua", trasladou.

Asaka foi profesor de castelán na Universidade Tsudajuku durante décadas pero a súa paixón é desde hai moito a lingua e a cultura galega e exerce como embaixador cultural da Galiza no seu país natal. En recoñecemento a este labor, a RAG recibiu este sábado Takekazu Asaka como membro de honra na vila de Ramón Cabanillas, un dos clásicos galegos que o homenaxeado traduciu ao xaponés.

O filólogo nipón levou tamén o seu idioma materno a Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra ou os poetas medievais, promoveu a súa difusión a través da música, editou manuais pioneiros para a aprendizaxe do galego desde o xaponés, impartiu durante máis de 15 anos clases en varias universidades do país e estudou fenómenos como a gheada, o pronome de solidariedade e o infinitivo conxugado.

Ademais, tal e como destacou a RAG, séntense parte da Galiza, país ao que o unen numerosas amizades que o acompañaron este mediodía.

"Para min, nipogalego, desde hai anos a lingua propia de Galiza é a miña segunda lingua. Ser membro de honra desta institución é o máximo que podería esperar dunha terra e dunha xente que tan ben me acolleron, e que me acolle cada vez que volvo", declarou o profesor na apertura da súa intervención, titulada 'Do poñente ó nacente. Unha ollada de honra'.

A RAG agradeceu a entrega á causa de Galiza deste xaponés, fillo e neto de agricultores do Tokio rural, e recoñece o seu labor incansable na defensa do galego e da cultura da súa segunda patria, tal e como expresou o académico de número cambadés Francisco Fernández Rei na resposta que lle deu en nome da Academia. "Hai moito tempo que simbolizas a forza que vén de lonxe, de ben lonxe no teu caso", concluíu.

A cerimonia, celebrada no Auditorio da Xuventude de Cambados, incluíu un recital poético a cargo da soprano Miho Faga e a pianista Kazumi Ogura, encargadas de interpretar varios poemas de Cabanillas e Celso Emilio traducidos ao xaponés polo novo académico de honra.

O profesor Takekazu adoita completar as súas edicións xaponesas de autores galegos con cedés de versións musicais. Ademais, promove no seu país, desde o ano 2008, o Ciclo de música e poesía galega.

Takekazu relatou como descubriu o galego a finais dos anos 70 e foi crecendo a súa relación co idioma no plano intelectual e no emocional. En 1977 realizaba unha estancia en Madrid para estudar castelán. Alí, na praza de Cibeles, comprou o seu primeiro exemplar do semanario A Nosa Terra. "Sorprendeume moito que non estivese escrito no mesmo idioma que outros xornais españois, foi o primeiro contacto que tiven co galego", indicou

Tras facerlle entrega da medalla e do diploma de académico de honra, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, agradeceulle a Takekazu Asaka a amizade "intensa e xenerosa" que mantén con Galiza e a súa lingua e cultura.

Comentarios