"Nas aulas da Galiza, queremos galego" e "por ti, por min, o galego non ten fin" son algúns dos cánticos que atroaron as rúas de Compostela conforme avanzban as miles de persoas que secundaron a convocatoria de Queremos Galego.
A de Santiago foi a marcha máis numerosa das convocadas por esta iniciativa social en favor da lingua galega, unha marcha festiva e á vez reivindicativa e cun denominador común claro: a denuncia das políticas galegófobas do partido no poder.
En Vigo, unha votación simbólica realizada ao termo da marcha resume á perfección o espírito das convocatorias de Queremos Galego: as miles de persoas alí congregadas -2.500 segundo a organización- declararon por aclamación a Feijóo inimigo da lingua galega.
Vence, en Vigo
O portavoz nacional do BNG asistiu á manifestación de Vigo na compaña da práctica totalidade dos membros da candidatura nacionalista.
Vence convocou os meios antes da marcha e interpelou directamente a Feijóo, a quen pediu que usase exclusivamente o galego na súa comunicación coa sociedade. "Nunca antes ningún presidente da Xunta usou tanto o español para se dirixir ás galegas e aos galegos", denunciou o líder nacionalista.
En Santiago estivo presente na marcha Martiño Noriega, colíder de Anova.