"Unha obra moi especial: o libro Guinnes Word Records, un agasallo por cortesía de Planeta cos socios do Xabarín Clube, o libro de nunca rematar!". O Xabarín anunciaba desta maneira e xa en 2012 o novo agasallo que entregaría ás crianzas que facían parte do seu clube. O único espazo da televisión pública da Galiza onde grandes e pequen@s poden gozar da animación en galego pasábase así ao español.
En 2012 o Xabarín anunciou en pantalla o agasallo do libro Guinnes Word Records, en español
A historia voltou repetirse dous anos despois. A dirección do programa viuse na obriga de pedir desculpas a un pai, o escritor Séchu Sende, após enviar unha carta para manifestar o seu malestar porque a súa filla, unha crianza de catro anos, recibiu dous brinquedos en castelán á maneira dunha benvida por se facer socia do clube infantil.
"O Xabarín, secuestrado?"
Nunha entrada no seu blogue, Made in Galiza, Sende pendurou o escrito que remitiu á dirección do Xabarín. Após recordar cales son os obxectivos da televisión pública da Galiza e da súa programación infantil --a promoción e difusión da nosa lingua, tamén entre as crianzas--, Sende botou man da retranca e soliciou "a inmediata liberación" do porco bravo, barallando a posibilidade de que alguén o tivese "secuestrado".
Un pai esixe nun correo-e enviado á dirección do programa que o porco bravo "funcione con normalidade, sen comportamentos diglósicos"
E brincadeiras á marxe, este pai quixo saber se a equipa responsábel do programa "está a actuar como axente desgaleguizador" amparando "unha política lingüística contra a normalización do galego". Por derradeiro, solicitou a rectificación desta actitude "e que o Xabarín volte funcionar con normalidade, sen comportamentos diglósicos".
A dirección do programa pide desculpas
Axiña recibiu resposta. Alberto Casal, director deste espazo infantil, informou nunha carta de que o porco bravo "non foi secuestrado nen mudou o seu gusto conxénito polo galego". A explicación de que a filla de Sende e outras crianzas do País recibiran material en español é a seguinte: "entendemos --o material-- máis coma xoguetes que coma libros".
A dirección do Xabarín enviou material en español "porque eran xogos, non libros"
"Pode ficar tranquilo porque non temos pensado mudar de criterio", explica Casal no seu escrito, a respeito da posibilidade de que o porco bravo se tornase bilingüe.
A renglón seguido, comprometeuse a que tod@s @s pequen@s que recibiron agasallos semellantes aos recibidos por esta crianza, é dicir, agasallos en castelán, "procedemos ao envío doutro elemento inequivocamente en galego".