Falece Xosé Manuel Díaz, fundador do SOG e da INTG

Xosé Manuel Díaz, destacado dirixente do sindicalismo nacionalista nos anos da Transición, faleceu á ultima hora da terza feira de 19 de marzo en Compostela.

Folga da construcción.77
photo_camera Xosé Manuel Díaz, quinto pola esquerda no centro da faixa, durante a manifestación do primeiro de maio de 1977 en Lugo.(Foto:Cilia Torna).

Xosé Manuel Díaz García é un dos nomes de referencia do sindicalismo nacionalismo nos anos finais do franquismo e nos comezos do período da Transición. Militante da Unión do Povo Galego (UPG) e de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), con só 17 anos e tras rematar COU, abandonou os seus estudos e decidiu proletarizarse para dedicar os seus esforzos a introducir o nacionalismo galego nos ámbitos operarios e contribuír a sentar as bases do sindicalismo de obediencia galega.

O primeiro contacto de Díaz co mundo laboral deuse nas obras construción da central térmica das Pontes. Nesta vila da comarca do Eume, que a volta de 1975 concentraba a 5.000 obreiros nos traballos de montaxes, vaise levar adiante unha folga de mais de 20 días durante o mes de agosto dese ano, onde os dous únicos militantes da UPG, Miguel Campuzano e Xosé Manuel Díaz xogaron un papel activo canda cadros de Comisións Obreiras (CCOO) e do Partido Traballo (PT), que tiña desprazado na localidade a José Luis Muruzabal Arlegui, que pasado o tempo, ocuparía, tamén, responsabilidades de dirección no sindicalismo nacionalista.

A folga da construcción de Lugo de 1977

Unha vez rematada a folga das Pontes, Díaz volve a Lugo onde se emprega como operario de construción en diversas empresas e se responsabiliza da dirección do Sindicato Obreiro Galego (SOG) na zona. Neste contexto, o SOG de Lugo lanza unha folga en marzo de 1977 en defensa dun convenio para o sector da construción, que foi chave para a introdución do sindicalismo nacionalismo nas diferentes comarcas da circunscrición de Lugo. Nesta dirección, alcanzou particular relevo o paro de 46 días, entre o 11 de xullo e o 26 de agosto de 1977, impulsado polo SOG nas empresas auxiliares da factoría de Aluminio en San Cibrao, no concello mariñao de Cervo.

Díaz ocupou importantes responsabilidades orgánicas na dirección do nacionalismo sindical e político. Membro do cumio nacional do SOG, integrante da dirección nacional da Intersindical Nacional Galega (ING) e dirixente da Intersindical Nacional de Traballadores Galegos, xogou un papel activo nas conversas levadas adiante entre a ING e Confederación de Traballadores Galegos (CTG), para unificar o sindicalismo de dirección galega na INTG. Ao tempo, fixo parte do Comité Central da UPG entre 1976 e 1981 e do seu Comité Executivo, abandonando este partido en 1982. Na mesma liña, nos anos seguintes deixaría as súas responsabilidades no movemento sindical.   

A recuperación da memoria histórica

Xosé Manuel Díaz García remataría por licenciarse en Dereito, tras aprobar as oposicións como secretario da administración local, desenvolvendo posteriormente a súa actividade profesional como funcionario da Xunta da Galiza, onde ocupou diversas xefaturas de servizo e postos directivos na etapa do bipartito. Asemade, na última década destacou polo seu compromiso na recuperación da memoria histórica, moi motivado por ser sobriño neto de Manuel Díaz, o médico do Incio asasinado polos fascistas en 1936.

 

Os restos mortais de Xosé Manuel Díaz García, falecido a última hora da terza feira de 19 de marzo, velaranse entre as 8 horas e as 16 horas desta cuarta feira no tanatorio de Bertamiráns, no concello de Ames. A súa loita está asociada a algunhas das mellores páxinas do movemento obreiro galego e explícase no contexto da entrega dunha xeración de mozas e mozas que dedicaron os seus mellores anos a pór en marcha o movemento nacionalista.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios