Música en Pontevedra en homenaxe e lembranza aos represaliados

A Gala da Memoria sumou voces para "honrar e non esquecer". A iniciativa foi do departamento de Memoria Histórica da Deputación, que busca novas fórmulas para achegar a historia á mocidade.
Unha das actuacións decorridas durante a Gala da Memoria. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unha das actuacións decorridas durante a Gala da Memoria. (Foto: Nós Diario)

A Gala da Memoria que decorreu esta sexta feira en Pontevedra organizada polo departamento de Memoria Histórica da Deputación deixou no ambiente a sensación de "que queda moito por facer pola memoria". Así o reivindicaron diversas artistas a través de actuacións musicais que quixeron ser homenaxes ás vítimas da represión franquista. 

O evento, que coincidiu no tempo co 85 aniversario dos asasinatos da Caeira, onde tamén mataron a Alexandre Bóveda e a outros mártires defensores da República e a liberdade, xuntou a Uxía, Su Garrido, Eladio Santos, Sheila Patricia, Wöyza, García MC e Lois Pérez, que a través dos seus espectáculos amosáronse "unidos á causa" para reclamar "verdade, xustiza e reparación" para aquelas persoas que padeceron a ditadura da forma máis crúa. 

Malia que se trataba dunha cita festiva, a chamada á reflexión estivo presente durante toda a noite polo que as presentadoras da mesma, Lucía Aldao e María Lado (Aldaolao), deron paso ás intervencións da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e á responsábel da área de Memoria, María Ortega. 

No seu discurso, Silva quixo deixar claro que hai que seguir a traballar "pola decencia política" e camiñar cara unha sociedade "na que se repare ás vítimas e se demostre o posicionamento contra o que aconteceu no golpe de Estado e os 40 anos seguintes". 

Para a deputada María Ortega actividades como a de onte poden servir para achegar a historia á mocidade porque "a xente nova ten dereito a coñecer o seu pasado para reivindicar o seu futuro". 

Nese sentido, defendeu o uso de novos formatos que resulten atractivos a novos públicos para, unha vez captados, explicar a realidade da ditadura e o que pasaron as vítimas. Aliás, poden completar traballos de investigación e loita contra a impunidade como é o caso da Gala da Memoria, que complementa un documental. 

A artista Uxía, que foi directora do festival, tamén quixo deixar claro que é preciso "remar a favor da memoria". Así puxo de relevo o feito de que cada artista puidese expresar os seus sentimentos ou sensacións de "repulsa e esperanza na reparación e a xustiza". 

"A música sempre conmove, pero sobre todo con temas así", sinalou sobre as propostas artísticas, pero en especial a peza Los olvidados de Pedro Pastor cunha temática directa sobre a represión e a reivindicación do papel das mulleres silenciadas polo franquismo en Pontevedra. 

Comentarios