O Ateneo Compostelano

Screen Shot 2017-12-01 at 11.26.10
photo_camera Escultura de Brañas en Carballo

Os Ateneos foron institucións ambivalentes que poden ser considerados indistintamente como Academias científicas, Institutos de ensinanza ou Circo literario, moi vencelladas á aparición do espazo público liberal e burgués. Todos naceron tomando como modelo o Athenée de les Arts, fundado en París en 1792 e xorden como desmembramento das Sociedades Económicas de Amigos do País. Proliferan especialmente durante a Restauración Borbónica.

Na Galiza un dos primeiros é o Ateneo Ferrolano, fundado en 1879 e presidido por un enxeñeiro da Armada. O seu discurso inaugural mereceu o tratamento en portada en varios xornais, non polo que dixo mais por plaxio

Seguramente foi o Ateneo Compostelano, a pesar da súa curta vida, o que máis influíu no pensamento galego do século XIX polo seu labor difusor do Rexionalismo e pola súa vinculación á Universidade. O 26 de febreiro de 1888, as 12 da mañá, tivo lugar o acto oficial de abertura baixo a presidencia accidental do reitor sr. González Salgado. Era domingo.

A primeira conferencia tivo lugar o sábado 10 de marzo e correu a cargo de Alfredo Brañas, catedrático de Economía. O título da conferencia, Exame crítico das liberdades públicas. A seguinte conferencia versou sobre a influencia da civilización na vida cerebral. Foi o domingo 18 de marzo e, neste caso un alumno de medicina foi o encargado.

O interese que suscitaban os debates fixo que, nalgunhas ocasións, como en marzo de 1890, asuntos como os tratados por Miguel García Teijeiro, que falou sobre A loita do espirito e a materia, houbese que os celebrar en dous días.

Nunha conferencia en decembro Brañas lamenta que outros, sen ser galegos, estuden a nosa literatura mentres nós non nos dedicamos con verdadeiro afán a tal estudo. Feita a análise conclúe que só Curros co seu poema Mirando ó chau é verdadeiramente un clásico.

Estivo dividido en catro seccións: Filosofía e Letras, Dereito, Medicina e Farmacia.

Mais pouco durou esta actividade do Ateneo. Igual que pouco durara o de Ferrol. O 6 de febreiro de 1891 é disolto formalmente despois dun período de dous meses de negociación para se integrar, vía fusión, en El Recreo Escolar, entidade de carácter máis lúdico e festeiro.

Comentarios