O historiador Rafael García Ferreira gaña o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

Co traballo ‘Outubro 1934 en Compostela. Mobilización, consecuencias políticas e represión’

rafael garcia ferreira foto Histagra
photo_camera Rafael García (Foto: Histagra)

Outubro 1934 en Compostela. Mobilización, consecuencias políticas e represió’, do historiador Rafael García Ferreira é o gañador do XXVIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.

O xurado valora deste traballo ser un ensaio rigoroso, ben escrito, argumentado, estruturado e con bo dominio das fontes.

Tamén valora que a temática e o estudo de caso son de interese e actualidade, dado que se aborda un período histórico complexo, con elementos que poden ter certas conexións coa actualidade e seren abordados dende diversas perspectivas e ámbitos das ciencias sociais.

O xurado do XXVIII Premio Vicente Risco de Ciencias Socias estivo composto por: Teresa Devesa Graña, polo Concello de Allariz; Joaquim Vázquez Rodríguez, polo Concello de Melide; Manoel Carrete Rivera, polo Concello de Castro Caldelas; e Carmen Villarino Pardo, pola Universidade de Santiago de Compostela; Isabel Mociño González, en representación do Padroado da Fundación Vicente Risco e como secretaria,

Desculparon a súa presenza por motivos persoais Xavier Limia de Gardón, pola Deputación de Ourense; Xosé Henrique Costas González, pola Universidade de Vigo; e Maria Luísa Soares, pola Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro, que remiten a súa valoración dos traballos.

 

 Rafael García Ferreira (Santiago de Compostela, 1990), é Doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese Violencia, persecucións e relato na conformación do poder golpista en Santiago de Compostela, 1936, cualificada con Sobresaínte Cum laude.

Segundo Histagra, “as súas liñas de investigación e publicación centráronse na II República e no golpe de Estado de xullo de 1936, así como en diferentes procesos e consecuencias asociados a este. Puxo atención non só ao estudo das vítimas e dos perpetradores da violencia xerada tras a sublevación, senón a outras cuestións como os diferentes espazos empregados para esa violencia ou aos procesos militares sumarísimos, sobre os que analizou as súas características, linguaxe, implicacións e responsabilidades. Traballou a cuestión da espacialidade da violencia para a documentación previa á intervención arqueolóxica de diferentes fosas galegas tendo en conta a súa localización, características e posibilidades de estudo e intervención”.

Comentarios