Alberto Lema será o candidato de Anova nas primarias da Marea Atlántica

A asemblea local da Irmandade Nacionalista na Coruña elixiu por unanimidade o autor de ‘Crónica do Chan’ e ‘Unha puta percorre Europa’.

alberto-lema

Alberto Lema (Vimianzo, 1975) vai ser o candidato de Anova no proceso de primarias que se abre na Marea Atlántica da Coruña para elixir tanto cabeza de lista nas municipais de maio como o resto dos 26 integrantes da candidatura desta plataforma. A asemblea local coruñesa de Anova escolleu por unanimidade esta cuarta feira o autor de obras como ‘Unha puta percorre Europa’, ‘Sidecar’ u ‘Crónica do Chan’, entre outras.

Alberto Lema é membro da Executiva Nacional da Central Unitaria de Traballadores (CUT), da Executiva Local da Coruña do mesmo sindicato e, desde outubro e 2014, viña desempeñando tamén a función de voceiro de Anova Irmandade Nacionalista na Coruña. É traballador da Real Academia Galega.

Primarias

Marea Atlántica iniciou esta semana o seu proceso de primarias para elexir a persoa que encabeza a listaxe nas municipais e tamén o resto dos 26 membros que integrarán a candidatura. Portavoces de MA sinalaron que a finalidade é a de facer unha candidatura de “unidade popular” coa que “cambiar a forma de facer as cousas” no Concello da Coruña.

Iago Martínez e Mónica Balado enmarcaron estas primarias nun proceso no que xa se deron pasos aprobando o código ético ou a elaboración do programa electoral. As primarias serán “abertas a toda a cidadanía” e nelas votarase por un lado a/o cabeza de listaxe e por outra o resto da candidatura mediante un sistema de listaxes abertas.

Comentarios