Ana Pontón chama a "tomar as rúas" o 25X para "provocar o cambio que Galiza necesita"

O BNG séntese cómodo no territorio da mobilización, daí que a súa candidata á presidencia da Xunta chamase esta sexta feira a "tomar as rúas" de Compostela o Día da Patria para comezar a carreira que desaloxe de Monte Pío "o pior presidente da Xunta da Galiza".

PONTON DIA DA PATRIA CORUÑA
photo_camera Ana Pontón, coa dirección comarcal do BNG da Coruña

A líder do BNG elevou o ton contra Feijóo, ao que cualificou de "cómplice" da estafa que "uns delincuentes" queren perpetrar coa compravenda da AP-9.

“Reivindicamos que a AP-9 ten que ser pública, libre de peaxes, paralizar a venda e rescatar esta vía para que o conxunto dos galegos e das galegas deixen de estar sometidos a esta estafa”, dixo Ana Pontón.

A portavoz nacional do BNG estivo esta sexta feira na Coruña para apresentar a campaña do 25X nesta comarca do país. Veu dicer que este 25X non vai ser un 25X máis, senón o primeiro grande acto de masas na rúa para derrotar a Feijóo nas eleccións do outono: "É unha manifestación especial porque para o BNG vai ser o primeiro acto no que tomemos as rúas para provocar o cambio que necesita Galiza, un cambio para rachar coa maioría absoluta de Feijóo e para que o nacionalismo teña unha presenza forte no Parlamento para provocar un cambio real nas políticas do PP que están afogando á maioría social deste país, porque é evidente que Feijóo foi o peor presidente da historial de Galiza”.

Pontón cualifica a Feijóo de "cómplice da estafa" da compravenda da AP9

Canda Ana Pontón participou no acto de apresentación desta campaña previa ao 25 a responsábel comarcal do BNG na Coruña, Victoria Louro. A formación frentista ten programado a realización de mitins políticos de aquí ao Día da Patria Galega en Sada, Betanzos, Cambre, O Burgo. A Coruña acollerá o evento central a quinta feira 21 de xullo ás 19 horas cunha rondalla que percorrerá a cidade desde a Rúa Damas até os xardíns de Méndez Núñez, onde se realizará a tradicional oferenda floral perante o monumento a Manuel Curros Enríquez.

Comentarios