Eleccións Europeas 9-X

Anfaco-Cecopesca pide ao Parlamento Europeo materias primas esenciais sen aranceis e seguridade xurídica

Representantes da Asociación reuníronse esta cuarta feira con Francisco Millán Mon e Nicolás González Casares, candidatos de PP e PSdeG, en plena campaña.
Encontro entre representantes de Anfaco e PSdeG. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
photo_camera Encontro entre representantes de Anfaco e PSdeG. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

A Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos, Anfaco-Cecopesca, expuxo esta cuarta feira as prioridades do sector mar-industria para o novo Parlamento Europeo que se forme tras as eleccións do próximo 9 de xuño, entre as que se atopan a de garantir o abastecemento de materias primas esenciais sen aranceis ou seguridade xurídica.

A organización explicou que os "importantes desafíos" que terá que afrontar a Unión Europea nos próximos anos "impactan" na competitividade da industria elaboradora e transformadora da pesca e a acuicultura. Por iso, Anfaco-Cecopesca reuniuse esta xornada cos candidatos galegos do grupo do Partido Popular Europeo e do grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas, Francisco Millán Mon e Nicolás González Casares, respectivamente, para informar das prioridades do sector.

O primeiro encontro decorreu na sede da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), mentres que o segundo foi na sede de Anfaco en Vigo, ao que tamén acudiu o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades. En ambas as reunións, a Asociación presentoulles o seu decálogo para a competitividade do sector, que inclúe medidas como a de promover un Comisario español con competencias sobre DG-MARE ou DG-TRADE para aumentar a influencia sobre a definición de políticas europeas relacionadas coa actividade pesqueira ou o comercio en igualdade de condicións.

Outra das necesidades do sector é a de garantir o abastecemento de materias primas esenciais sen arancel, como os lombos de atún, anchoa ou bacallau en salgadura, lura patagónica ou o gambón arxentino, "fundamentais para a continuidade da industria transformadora española". Tamén incidiron na necesidade de regular os produtos veganos ou vexetarianos, evitando que induzan a erro como alternativas aos peixes e mariscos, así como en terminar o estudo sobre a etiquetaxe nutricional voluntario no frontal do envase (ENFOP), co obxectivo de previr modelos como o Nutri-Score "que tantas dúbidas achegan polo seu rumbo interpretativo dos consumidores e que poden desbalancear a decisión de compra e consumo de produtos pesqueiros".

Abrir o debate europeo de forma firme e decidida sobre o papel protector do selenio fronte ao mercurio, co obxectivo de modificar a normativa e promover o consumo de peixes e mariscos na poboación polos seus claros beneficios nutricionais é outro dos puntos do decáloco, así como progresar na seguridade xurídica e operativa industrial.

O sector tamén solicitou actualizar o regulamento europeo 651/2014, "causante da exclusión do complexo mar-industria como elixible para investimentos ao amparo dos Next Generation", e frear a adopción de novos acordos comerciais na rexión Asean, como Tailandia, salvo que se exclúan produtos sensíbeis da industria galega e española, como é a conserva de atún, "ao non garantirse un level playing field".

Crear listas con requisitos ambientais para as fábricas de terceiros países que desexen exportar á UE ou asegurar que a implantación e actuacións da nova normativa de loita contra traballos forzosos conte con canles de participación permanentemente abertos coa industria transformadora de peixes e mariscos galegos e españois son outras das peticións do sector.

"Necesitamos xerar valor engadido, necesitamos fábricas innovadoras en Europa con aprovisionamentos globais de peixes e mariscos, a fin de asegurar a influencia internacional da Unión Europea en tanto á súa Política Pesqueira Común e defensa das cotas asignadas á frota comunitaria", reivindicou o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Roberto Alonso.

Pola súa parte, na reunión desta tarde, os socialistas reivindicaron a aposta "constante" do Goberno polo sector do mar, destacando a recente aprobación do Perte da Pesca, dotado con 40 millóns de euros, animando ao sector conserveiro a aproveitar "esta oportunidade para seguir camiñando na liña da competitividade".

Casares puxo en valor a importancia de contar cun ministro como Luis Planas, "que é toda unha garantía de pelexa na defensa dos intereses de España desde o rigor técnico e a aposta imprescindible pola sustentabilidade, tanto da cadea mar-industria como no sector agro-gandeiro".

Comentarios