Besteiro acusa Rueda de manter unha actitude "antigalega" na súa reunión con Sánchez

"Era o momento de mirar por Galiza e Rueda mirou por Feixoo", resumiu o socialista.
O socialista José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Arxina)
photo_camera O socialista José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Arxina)

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, censurou a actitude "antigalega" que, ao seu entender, tivo o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, na súa reunión desta sexta feira co xefe do Goberno español, Pedro Sánchez, porque "actuou como o eco" dos intereses do seu partido e deixou Galiza "sen voz".

"Era o momento de mirar por Galiza e Rueda mirou por Feixoo", sentenciou Besteiro nunhas declaracións aos medios de comunicación difundidas polo PSdeG despois do encontro mantido entre Sánchez e Rueda na Moncloa.

Para o máximo responsábel da formación socialista, Rueda "preferiu falar de Catalunya" nun encontro no que Sánchez "falou de Galiza" ao presidente do Executivo galego, ao que afeou a súa posición "ridícula" por negarse a abordar unha quita da débeda ou un mecanismo de financiamento singular a nivel galego.

Segundo Besteiro, esta posición "antigalega" e "ridícula" do presidente galego débese ao seu interese por "compracer" o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feixoo, en renuncia "á mellora da sanidade pública, a educación ou a atención ás persoas dependentes".

A postura mantida esta sexta feira por Rueda foi "peor, imposíbel", en palabras de Besteiro, quen augurou que o PP votará 'non' á senda de gasto e aos orzamentos xerais do Estado que incluirán investimentos para Galiza.

Impacto nos Concellos

Neste sentido, afirmou que "este voto en contra vai supor para Galiza a perda de 343,6 millóns de euros" e "un impacto negativo tamén nos Concellos", que cifrou en 16,2 millóns de euros para Vigo, 16,7 para A Coruña, 6,5 para Compostela e 5,4 millóns para Lugo.

Comentarios