Rueda fecha a porta a unha negociación Galiza-Estado sobre o financiamento

O presidente da Xunta afirmou que non recibiu ningunha oferta concreta sobre a condonación da débeda.
Pedro Sánchez e Alfonso Rueda, esta sexta feira na Moncloa. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Alfonso Rueda, esta sexta feira na Moncloa. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, exixiu ao xefe do Executivo español, Pedro Sánchez, na reunión que mantiveron esta sexta feira, que "corte de raíz" a posibilidade de acordos singulares en financiamento, como o pactado con ERC para Catalunya, á vez que afirmou que non recibiu ningunha oferta concreta sobre a condonación da débeda.

Así se expresou Rueda nunha comparecencia de prensa desde o Palacio da Moncloa tras o encontro bilateral que mantivo con Sánchez -o segundo tras o que tivo lugar en 2022, cando tomou as rendas da Xunta das mans de Alberto Núñez Feixoo-, enmarcado na rolda de reunións cos presidentes autonómicos, insistindo en negociar o financiamento autonómico de maneira multilateral.

Por iso, o presidente galego trasladou a súa petición de acabar coa bilateralidade en financiamento autonómico, explicando que neste encontro non se produciu ningún simulacro de negociación en materia de financiamento porque, segundo dixo, cre que o marco para iso é con todas as Presidencias a través da Conferencia de Presidentes ou do Consello de Política Fiscal e Financeira.

Ao ser preguntado por se falou con Sánchez sobre a condonación da débeda, Rueda afirmou que non recibiu ningunha oferta concreta nesta reunión, engadindo que o xefe do Executivo estatal lle trasladou que as quitas de débeda eran outra fórmula dentro do sistema de financiamento xeral.

Transferencias

Por outra parte, Rueda situou o compromiso de activar "inmediatamente" a comisión mixta para o traspaso de medios que faciliten a xestión do litoral en Galiza como o principal avance da súa reunión con Pedro Sánchez, un encontro que resumiu cunha conclusión: houbo "moi boas palabras, mais moi poucas concrecións".

"E laméntoo", trasladou o xefe do Executivo galego, quen afirmou que, pola súa parte, nunha orde do día remitida previamente a Moncloa, tentou "expor cousas e propostas concretas".

Segundo a versión que trasladou da cita nunha comparecencia ante os medios posterior ao encontro, Rueda lembrou que na reunión que mantivo con Sánchez dous anos atrás, o Goberno español puña como condición a reforma do Estatuto para ceder a xestión do litoral ao Executivo galego.

Con todo, a Xunta impulsou unha lei autonómica, que foi recorrida polo Executivo estatal e, posteriormente, avalada polo Tribunal Constitucional (TC). Segundo Rueda, o compromiso de Sánchez é que se active de inmediato a comisión mixta de transferencias para que se poidan facilitar os medios e materializarse o traspaso da xestión do litoral.

Noutras cuestións, tamén ligadas con transferencias -como a da AP-9- ou proxectos que o presidente galego considera "claves" para a Galiza, Rueda indicou que lle reiterou a súa postura ao xefe do Executivo español mais este limitouse a "tomar nota" ou a "apuntalo" mais sen maior "concreción".

Rueda centra o foco en Altri

Por exemplo, en materia de financiamento con fondos europeos, Rueda esgrimiu que hai varios de interese sobre a mesa en Galiza sendo o de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) o que está "máis avanzado e máis maduro". "Mais hai outros proxectos que están na mesma situación e que simplemente necesitan un trato igualitario con respecto a que o Goberno dá outros territorios", reivindicou Rueda.

O presidente galego explicou que trasladou que unha descentralización na xestión dos fondos Next Generation podería contribuír a "solucionar" o problema. "El díxome que estudaría o tema, que foi o mesmo que me dixo hai dous anos cando lle expuña esta mesma cuestión respecto a esta mesma empresa", resolveu.

Comentarios