Besteiro pide participación e aparenta neutral namentres apoia por detrás a Pedro Sánchez

A unha semana das primarias que escolleran o novo líder estatal da súa formación, o secretario xeral do PSOE galego solicita “deixar de lado situacións internas” e chama a participar nas primarias, que quere usar como dique contra o pachismo.

Besteiro e Díaz
photo_camera Besteiro e Díaz

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou á militancia galega do seu partido a "votar de forma maioritaria" e pediu "deixar de lado as situacións persoais e internas" para "agarrar con responsabilidade as rendas do partido" nos comicios que o Partido Socialista celebrará en todo o Estado o próximo día 13 de xullo, dentro dunha semana, para elixir ao seu novo líder.

"As primarias abren un horizonte cheo de riscos pero tamén de oportunidades", di Besteiro sobre un partido en grave crise

"Votemos de forma maioritaria o próximo domingo e demostremos con iso a forza e a utilidade que o voto segue tendo como verdadeiro motor do cambio na sociedade", manifestou durante a súa intervención na apertura do Comité Nacional que @s socialistas galegos celebraron en Santiago. “Estas eleccións internas á secretaría xeral do PSOE abren un novo horizonte cheo de riscos pero tamén de oportunidades. O que como partido decidamos nos próximos meses pode decidir o futuro do país nos próximos anos”, engadiu, nun discurso que evitou a escandalosa perda de apoios que están a sufrir entre a cidadanía nos últimos anos.

Alianzas

Porén, malia que o discurso público de Besteiro non se sae da chamada á participación e a reactivar un partido en grave crise, a realidade indica que o líder d@s socialistas galeg@s ten un favorito claro e traballa a prol dun dos tres candidatos que optan a dirixir o PSOE a nivel estatal. Aposta por Pedro Sánchez, a mesma opción da gran maioría dos aparatos, do partido que sostén -xunto a PP- do modelo do 78. A decisión de Besteiro de sumar forzas con Sánchez tamén está relacionada co feito de que o seu principal adversario, Eduardo Madina, está aliado con rivais internos da dirección do PSdeG, isto é, o pachismo ourensán, con Pachi Vázquez e Laura Seara á fronte.

Comentarios