Ana Pontón avanza que o BNG practicará insubmisión ante a instrución da xunta electoral central pola que se pretende limitar o dereito a voto de persoas con discapacidade. A portavoz nacional do Bloque, reunida coa dirección da Fundación Down Galiza, valora negativamente que se deixe en mans das e dos membros da mesa a potestade de decidir se unha persoa está capacitada ou non para exercer o seu dereito a voto.
Pontón esixe unha rectificación urxente á Xunta Electoral Central e denuncia que “ningunha persoa dunha mesa electoral debe estar facultada para decidir quen pode ou non pode votar, porque é unha aberración democrática”.
O BNG declárase insubmiso ante a instrución e argumenta que non se pode permitir "ningún retroceso" en materia democrática e avanza que denunciarán ante o xulgado se ven nalgunha mesa electoral que alguén pretende anotar os datos dalgunha persoa con discapacidade que exerceu o seu dereito a voto.
Ana Pontón afirma que “o que se está facendo é coaccionar e cuestionar o dereito a voto de persoas que o teñen recoñecido a través da súa presenza no censo electoral" e amosouse orgullosa de que fosen dúas mulleres galegas quen conseguiron cunha longa loita mudar a lei electoral e incluír o dereito a voto das persoas con discapacidade.