VÍDEO NO INTERIOR

O BNG lanza #CódigoAna, un programa de conversas con Pontón

A líder do Bloque busca con este novo formato "ir máis aló do marco estritamente político e mostrar a súa faceta máis humana e persoal".
Imaxe do programa #CódigoAna (Foto: Nós Diario).
photo_camera Imaxe de cabeceira do programa #CódigoAna. (Foto: Nós Diario)

O Bloque vén de lanzar #CódigoAna, un novo formato de comunicación no que a líder da formación nacionalista conversará con referentes de todos os ámbitos da sociedade e compartirá esas charlas francas e distendidas a través das redes sociais. O programa, explican desde o BNG, "aborda temas que interesan e preocupan á cidadanía a través dos e das protagonistas que, nun cara a cara con Ana Pontón, contan a súa propia experiencia vital e profesional, coa que se poden sentir identificadas ou interpeladas outras moitas persoas".

Este formato permitirá á líder do Bloque e da oposición no Parlamento galego "ir máis aló do marco estritamente político e mostrar a súa faceta máis humana e persoal", a través destas conversas con "referentes do mundo da cultura, da ciencia, da economía, do audiovisual, do feminismo e de calquera ámbito que hoxe preocupe á sociedade galega".

#CódigoAna arranca este mes de setembro nas súas propias redes sociais nas canles de Facebook, Instagram, X (antiga Twitter) e YouTube, e será emitido, precisan desde o Bloque, "coa regularidade que permite a axenda política" de Pontón.

As persoas convidadas responden ao criterio de ser "referentes no seu ámbito profesional e a súa capacidade para aportar e compartir ideas, proxectos, reflexións de presente e de futuro nunha sociedade diversa, plural e dinámica como a galega".

A propia cabeceira, elaborada pola artista gráfica Isa Vila, avanza que contidos se poderán ver en #CódigoAna, con elementos como o mapa de Domingo Fontán, "que convida a unha viaxe polo país", para falar de cultura e creación, de ciencia, de medio ambiente, de patrimonio, de empoderamento das mulleres ou das inquedanzas da xente moza.

A través dunha conversa coas persoas convidadas, Ana Pontón abordará calquera tema de interese e de actualidade, dun modo "coloquial, distendido e próximo" para conectar cunha audiencia que está interesada e preocupada polo que pasa na Galiza e no mundo, a través de persoas que ven como exemplos ou referentes.

Comentarios