O BNG procura apoios para que haxa un pleno extraordinario sobre incendios e sector lácteo

O PP vetou que o presidente galego tivese que comparecer para dar conta da actuación do goberno nestes 2 temas. Para Francisco Jorquera, os populares “anulan o Parlamento para evitar que Feijóo dea a cara”.

Jorquera Paz BNG
photo_camera Francisco Jorquera e Tereixa Paz

O BNG pide o apoio dos restos do grupo da oposición para asinar unha solicitude de convocatoria dun pleno extraordinario no Parlamento de Galiza sobre os incendios e o sector lácteo galego. Unha solicitude que @s nacionalistas fan após que o PP evitase na Deputación permanente que Feijóo comparecese na Cámara galega para da explicacións sobre a actuación do goberno en ambos os dous temas.

Para o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera -que compareceu acompañado da deputada Tereixa Paz- o Partido Popular anula o Parlamento galego para evitar que o señor Feijóo “dea a cara” e para  “encubrir o fracaso manifesto das súas políticas”. Non ten explicación que após un incendio como o orixinado en Cualedro, que arrasou 3.000 hectáreas e foi o segundo mías grande deste século en Galiza, o presidente non compareza. Tereixa Paz considerou que a única maneira de facer “un debate serio sobre os incendios forestais é facelo nun pleno con datos obxectivos para formular propostas encamiñadas a resolver a situación”.

O Goberno da Xunta non pode seguir mantendo que estamos ante un problema de orde pública e incendiarios, explica a deputada, porque existen “situacións estruturais vinculadas co abandono e unha política forestal que cubre as necesidades de eucaliptos dunha soa empresa en Galiza pero non está orientada a crear riqueza nin a diversificar a produción forestal”.

Sobre o sector leiteiro, Jorquera lembrou que o Goberno galego apela a que é ilegal fixar un prezo mínimo do leite en orixe mais tamén é ilegal, insistiu, que as grandes superficies utilicen o leite como produto reclamo ou que as industrias concerten prezos. Malia isto, Xunta e Estado optaron pola “inacción total e absoluta”, denuncia o nacionalista. Pola súa parte, Tereixa Paz afirmou que “un paquete lácteo na que só lle impoñen obrigas aos gandeiros pero non á industria e a distribución ia resultar inútil para vertebrar o sector”. “Galiza é a comunidade de toda a Comunidade europea onde se vende o leite máis  barato con 7 céntimos menos que no resto do Estado español e sen embargo, as industrias seguen ameazando con deixar de recoller leite”.

Comentarios