Caamaño, sobre unha posíbel sanción a Francisco Vázquez: ''supoño que se está a procesar a información''

O secretario provincial do PSdeG di supoñer que “se está a procesar” toda a información por parte do PSdeG-PSOE sobre o 'apadriñamento' polo ex-alcalde coruñés do desembarco de Movimiento Ciudadano en Galiza, cara a ver “o que se fai”. 

Vazquez con Rivera
photo_camera Vazquez con Rivera

A presenza destacada de Francisco Vázquez no acto de Movimiento Ciudadano na Coruña, escenificando o desembarco desta plataforma de Albert Rivera en Galiza, non pasou desapercibida para ninguén. E menos para o PSdeG, formación da cal o ex-rexedor coruñés continúa a ser militante.

"Supoño que se está a procesar a información (sobre o acto) e despois verase o que se fai ou non, ver se procede ou non"

Preguntado por Sermos Galiza, o secretario provincial dos socialistas na provincia da Coruña e ex-ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, declinou facer unha valoración da presenzade Vázquez no acto do Palexco. “Para valoracións, remítome á feita polo secretario xeral do PSdeG, Gómez Besteiro”. Besteiro afirmara había unhas horas que descartaba sancións a Paco Vázquez e mesmo avalaba que seguía a ser socialista'.

Diferencias

Mais á marxe das valoracións, Caamaño sinalaba a preguntas de Sermos Galiza que “supoño que se está a procesar toda a información” (relativa a este caso) e que unha vez compilada a mesma, engadía, “verase o que se fai”. A preguntas de se este era o procedemento 'standard' no PSdeG ante situacións deste tipo (presenza dun coñecido militante en actos doutras formacións), Francisco Caamaño limitábase a reiterar que primeiro había que coñecer ben todo o acontecido e, despois, “imos ver o que hai”.

Outras voces do socialismo galego, como Mar Barcón, secretaria xeral do PSOE na cidade da Coruña, afirmaron que Vázquez comunicara á organización, con carácter previo, a súa sistencia ao acto de MC, organizado por Unión Coruñesa. Na outra banda podemos situar a Laura Seara, que nas redes sociais amosaba o seu fartazgo co que entende que son actitudes inxustificábeis de Vázquez para co PSdeG.

Comentarios