A Cámara urxe ao Estado mellorar os servizos ferroviarios galegos

A Cámara urxe ao Estado mellorar os servizos ferroviarios galegos

Parlamento
photo_camera Xuntanza da Comisión de Ordenación Territorial, onte, na Cámara. (Foto: Nós Diario).

A Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento da Galiza debateu onte unha iniciativa do BNG que reclamaba “restituír as liñas e itinerarios eliminadas nos últimos anos”, “ampliar a cobertura dos servizos ferroviarios en todo o país, especialmente nos territorios nos que non existe este servizo”, “rematar co déficit histórico de investimento en infraestruturas e modernización comprometendo partidas orzamentarias específicas nos vindeiros orzamentos xerais do Estado” e “levar adiante os estudos necesarios para a implementación do servizo ferroviario de proximidade galego, así como a transferencia da súa competencia a Galiza”.

Os grupos presentes na Cámara uníronse para apoiar a recuperación dos servizos ferroviarios perdidos tras a eclosión da pandemia, para ampliar a súa cobertura e para rematar co déficit nesta materia. Porén, populares e socialistas non apoiaron, nunha iniciativa que se votou por puntos, a proposta dos nacionalistas de transferir a Galiza a xestión do servizo de proximidade ferroviaria unha vez posto en funcionamento polo Goberno do Estado. O PP argumentou que “isto non é unha cuestión prioritaria”, e o PSdeG puxo de manifesto que esa demanda “non está recollida no acordo asinado entre o PSOE e o BNG" para investir Pedro Sánchez presidente do Goberno español.

Na súa intervención, o parlamentario nacionalista Paulo Ríos criticou a eliminación de horarios e itinerarios no servizo ferroviario durante os últimos anos e denunciou "a mentalidade centralista que supón querer conectar só con Madrid", provocando que "goberno tras goberno" Galiza fose quedando "cada vez máis atrás". Neste sentido, lamentou a negativa de PP e PSdeG a apoiar a transferencia do servizo de proximidade ferroviaria e apostou por decidir “nós as prioridades neste eido, logo de ver como os diferentes gobernos do Estado foron deixando o país no século XX ou XIX incluso, até con menos servizos que hai décadas”.

O deputado do PP Gonzalo Trenor destacou que “é necesario mellorar as infraestruturas ferroviarias” e que o Goberno do Estado acabe "coa débeda" coa Galiza, lembrando a demanda do Executivo galego de "ter unha dotación suficiente de trens Avril, un mínimo sete". Pola súa parte, o deputado do PSdeG Carlos López defendeu a "vontade política inequívoca" do Goberno estatal nesta materia, que "consolida a utilización masiva do transporte por ferrocarril”.

AVE Porto-Vigo

O acordo da Cámara galega chegou só unha semana despois de que o Parlamento europeo aprobara unha proposta de revisión de Rede Transeuropea de transporte (RTE-T) que relega a conexión ferroviaria por alta velocidade entre a metrópole portuguesa de Porto e a cidade galega de Vigo a 2040.Precisamente, esta decisión ratifica a medida adoptada no mes de decembro de 2023, durante a Presidencia española do Consello da Unión Europea (UE) e que dá prioridade á liña ferroviaria de Lisboa a Madrid para ligar o Estado español con Portugal

Comentarios