Puente anuncia un grupo de traballo para axilizar o investimento de 4.561 millóns de euros no Corredor Atlántico na Galiza até 2030

O Plan Director contempla destinar 3.355 millóns de euros no próximos seis anos a impulsar a infraestrutura ferroviaria, un dos alicerces da mobilidade sostible.

corredor atlantico
photo_camera En primeira fila, de esquerda a dereita: Pedro Branco, Óscar Puente, Alfonso Rueda, Inés Rei e José Antonio Sebastián (Foto: Ministerrio de Transporte)

O ministro de Transportes, Óscar Puente, presentou esta quinta feira na Coruña os avances do Plan Director do Corredor Atlántico na Galiza, que contempla investir 4.561 millóns de euros até 2030 no seu desenvolvemento, e anunciou a creación dun grupo de traballo coa patronal galega para facer seguimento da evolución das dzstintas actuacións e axilizar a súa execución. O grupo estará coordinado polo Comisionado e contará cunha oficina con sede na Galiza.

Do investimento previsto no vindeiros seis anos, 3.059 corresponden a actuacións incluídas pola Unión Europea na rede básica, cuxo horizonte temporal é 2030, e 1.502 millóns corresponden a desenvolvementos que, aínda que forman parte dos compromisos con Europa para 2050 (rede global), o Goberno estatal decidiu adiantar a 2030 para mellorar a conectividade e a intermodalidade na Galiza, dando resposta así ás demandas de axentes sociais.

Durante a súa intervención, Puente aproveitou para pór en valor o traballo que está a realizar o Goberno estatal “porque xa estamos a executar as actuacións para cumprir o noso compromiso co desenvolvemento deste corredor”.

O Plan Director presentouse no Concello da Coruña, cidade á que o ministro chegou esta mañá nun dos novos trens de alta velocidade S106 de Renfe, que están a circular en probas para a súa posta en servizo o próximo 21 de maio.

O acto contou coa presenza do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a alcaldesa da cidade, Inés Rei, e o comisionado para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián, que deu os detalles os investimentos na rede transeuropea de transporte na rexión.

Plan Director do Corredor

Así, dos 4.561 millóns de euros previstos para impulsar a Rede Transeuropea de Transporte no próximos seis anos,  3.355 millóns destinaranse ao desenvolvemento da infraestrutura ferroviaria.

Nestes momentos, xa hai obras en execución por valor de 1.312 millóns de euros. Até 2030 investiranse 1.502 millóns de euros correspondentes a proxectos incluídos na rede básica e 541 millóns de euros que se adiantarán da rede global.

En infraestruturas viarias, a Galiza recibirá 801 millóns de euros até 2030. As obras máis importantes levan a cabo na A-55, AC-11 e AP-9. E, a nivel urbano, contémplanse investimentos de 436 millóns de euros, entre as que destacan a remodelación e modernización das estacións intermodais da Coruña, Ourense, Lugo, Vigo e Santiago.

Pola súa parte, en portos, investiranse 293 millóns de euros. Neste punto, o ministro fixo fincapé nunha das maiores actuacións que desenvolve este Departamento na cidade, como son as obras doporto exterior de Punta Langosteira, incluídas no Corredor Atlántico da Rede Transeuropea de Transporte.

Cun investimento de 124 millóns de euros, o Ministerio indicou que traballa para que, en 2026, o porto exterior estea conectado por tren co porto interior e o corredor Atlántico, grazas aos máis de 5 km de túneles do ramal que se están a construír. “Todo un reto técnico que permitirá mover mercadorías coa intermodalidade tren-barco que queremos potenciar no noso país”, sinalou Puente.

Relacionado con isto, tamén se referiu á débeda do porto da Coruña, sobre a que “cremos urxente dar unha solución baseada no valor social da transformación do espazo no porto interior, que faga viable a situación económico-financeira da autoridade portuaria de Coruña”.

Para iso, trabállase en tres frontes: negociando un convenio coa Xunta e o Concello para trasladar a actividade do porto interior ao exterior; buscando un uso responsable e consensuado das 80 Ha liberadas; e estudando reestruturar a débeda contraída con Portos do Estado para garantir o futuro do porto.

Comentarios