O BNG leva ao Congreso a oposición á instalación de Altri na Ulloa

Néstor Rego  defenderá unha iniciativa na Comisión de Industria da cámara baixa para reclamar que o proxecto da celulosa non reciba fondos do PERTE da descarbonización. Posteriormente no Congreso, manterá un encontro con representantes da Plataforma Ulloa Viva

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso español. (Foto Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso español. (Foto Nós Diario)

O BNG defenderá no Congreso unha iniciativa para que o Goberno do Estado rexeite a inclusión do proxecto da macroplanta de celulosa de Altri nas axudas públicas do PERTE de descarbonización. A vindeira terza feira, o deputado do BNG, Néstor Rego, demandará o apoio do resto das forzas políticas para impedir a instalación da macrocelulosa en Palas de Rei (A UIlloa) e a grave afectación que terá tanto no medio ambiente como para sectores tan importantes como o agro-gandeiro e o marisqueiro.

Durante a vindeira sesión da Comisión de Industria e Turismo do Congreso, o BNG defenderá unha Proposición Non de Lei relativa ao financiamento a cargo de fondos europeos do proxecto de Altri e a súa pretensión de instalar unha macroplanta de celulosa líquida en Palas de Rei.

Esta iniciativa, explica Rego, enmárcase dentro da "ofensiva institucional e social" que o BNG está a desenvolver para paralizar o proxecto “polo seu enorme impacto ambiental, a súa afectación á actividade agro-gandeira, aos recursos hídricos, ao ecosistema do río Ulla, á riqueza marisqueira e pesqueira da Ría de Arousa e a espazos da Rede Natura”.

“Queremos que o Goberno do Estado revise con rigor o proxecto da empresa Altri para a instalación dunha planta de pasta de celulosa líquida e fibra téxtil e as súas infraestruturas no termo municipal de Palas de Rei e que teña en conta as numerosas alegacións presentadas por parte de distintos colectivos, organizacións e entidades de todos os ámbitos no proceso de Información Pública aberto pola Xunta de Galiza no 4 de marzo” afirma o deputado do BNG no Congreso.

Así mesmo, outro dos puntos da parte resolutiva da iniciativa demanda ao Goberno rexeitar a inclusión do proxecto de macro planta de celulosa líquida promovido por Altri entre as propostas de financiamento con cargo ás axudas públicas do PERTE de descarbonización, así como o acceso a calquera outra axuda directa ou crédito. “Este proxecto incumpre claramente os criterios fixados no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que indica que os proxectos deben contribuír a asentar economías máis sustentábeis e mellor preparadas para as transición ecolóxica” sinala Rego.

“É preciso que o Goberno priorice a preservación do medio natural, a adecuada xestión dos recursos hídricos e o mantemento da actividade agro gandeira e marisqueira da Galiza no momento en que se avalíe a concesión de fondos europeos, optando por proxectos que favorezan o desenvolvemento sustentábel do noso País en lugar de financiar a instalación dunha pasteira que, de seguro, causará un tremendo impacto social e ambiental negativo e que está a xerar o rexeitamento do conxunto da sociedade galega” sentenza o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. 

Comentarios